Estás en:Novas

A Deputación da Coruña esixe á Xunta que estableza un plan de axudas ás mariscadoras e mariscadores do Burgo ata que a ría recupere a súa produción

O pleno aprobou unha moción de PSOE e BNG na que se expón a necesidade de que o goberno autonómico, que ten competencias exclusivas no marisqueo, ofreza compensacións económicas unha vez finalizado o dragado e ata a posibilidade de recuperar a actividade extractora

O texto tamén insta ao executivo galego a establecer un protocolo se seguimento da sementa realizada para monitorizar a rexeneración dos bancos e establecer as características óptimas de explotación

A Deputación da Coruña esixe á Xunta que estableza un plan de axudas ás mariscadoras e mariscadores do Burgo ata que a ría recupere a súa produción

A Deputación da Coruña insta á Xunta de Galicia a que estableza un plan de axudas e compensacións ás mariscadoras e mariscadores do Burgo ata que a ría recupere a súa capacidade produtiva e, polo tanto, permita traballar na zona. Ademais, a institución provincial solicita ao goberno autonómico que estableza un protocolo de seguimento e supervivencia da sementa realizada para monitorizar a rexeneración neses bancos marisqueiros.

A moción presentada por PSOE e BNG foi finalmente en dous puntos á hora de realizar a votación por petición do grupo popular. O primeiro deles, relativo ao protocolo de seguimentos para monitorizar a rexeneración, foi aprobado por unanimidade. O segundo, referido ao plan de axudas e compensacións ás mariscadoras e mariscadores, obtivo luz verde con 16 votos a favor de PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños e 14 votos en contra do PP.

O texto lembra que no ano 2021, o Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico licitou o proxecto de dragado ambiental dos sedimentos da ría do Burgo. Despois de máis de dous anos de traballos e un investimento superior aos 33 millóns de euros, dito proxecto foi concluído o pasado 26 de abril. "Durante o tempo de duración das obras, o Goberno Central foi o único que se fixo cargo de abonar axudas por inactividade ós e ás mariscadoras do Burgo. Foi unha actuación imprescindible e necesaria, por unha contía total de 3.659.120,22 euros", afirmou o deputado José Ramón Rioboo, encargado de defender a moción.

Rioboo que "a Xunta de Galicia ten competencias exclusivas en marisqueo" e, polo tanto, "unha vez rematadas as obras debe comezar a traballar para dar solucións a mariscadores e mariscadoras do Burgo, que reclaman compensacións económicas xustas unha vez finalizado o dragado, ata que os bancos recuperen a súa produción e poidan volver a traballar na zona". O voceiro do goberno provincial mostrouse ademais convencido da "disposición a colaborar do Goberno de España".

A maiores desta esixencia para cubrir as necesidades do sector ante a inactividade, a moción explica que o dragado realizado, que afectou á Coruña, Cambre, Culleredo e Oleiros, incluía a sementa. Dita sementa contou co visto bo dos biólogos da Xunta de Galicia, pero "agora é necesario que a Xunta estableza os protocolos de seguimento e control do proceso de desenvolvemento e supervivencia da semente implantada". O obxectivo desta monitorización é asegurar "unha recuperación efectiva" dos bancos marisqueiros para a súa explotación e, deste xeito, "completar a rexeneración integral, tanto ambiental como socio-económica, da ría".