Estás en:Novas

Formoso destaca na súa visita ao Centro Ocupacional Pascual Veiga o “fundamental labor” no eido da inserción de persoas con discapacidade

O presidente sinalou que este importante papel, "que chega a onde non o fan as administracións" obriga ás institucións á "colaboración con estas entidades"
A Deputación apoia con liñas de financiamento a unhas 250 entidades da provincia de carácter social

Formoso destaca na súa visita ao Centro Ocupacional Pascual Veiga o “fundamental labor” no eido da inserción de persoas con discapacidade

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou esta mañá o Centro Ocupacional Pascual Veiga xunto á deputada de Política Social, Mar García Vidal. Durante este acto, Formoso destacou o "fundamental labor" do Centro Ocupacional Pascual Veiga e "doutras entidades similares que traballan, sen ánimo de lucro, no eido da inserción social e ocupacional con persoas con discapacidade". "Chegan a onde non o fai de xeito directo a administración. Precisamente por iso, a colaboración das administracións públicas con estas entidades é obrigada", recalcou o presidente provincial.

Formoso e García foron recibidos pola presidenta da entidade, Fina Veiga, que exerceu de anfitrioa para ensinarlles as instalacións, situado na rúa Vila de Laxe da Coruña. O presidente e a deputada coñeceron de primeira man non só o espazo, senón os diferentes obradoiros que alí se imparten co apoio da Deputación da Coruña. Ademais, aproveitaron o encontro para escoitar as necesidades da directiva.

Neste sentido, Formoso lembrou que a Deputación da Coruña colabora con preto a 250 entidades sociais sen ánimo de lucro da provincia e que o Centro Ocupacional Pascual Veiga é unha delas. Este soporte cristaliza a través de liñas de financiamento para programas socio comunitarios, mellora e mantemento de centros ou compra de material loxístico.

O Centro Ocupacional Pascual Veiga

O Centro Ocupacional Pascual Veiga é unha entidade sen ánimo de lucro que se constituíu no ano 1991. Desde entón, traballa con persoas de entre 18 e 59 anos con minusvalía e dependencia recoñecidas para outorgarlles recursos humanos e materiais específicos que redunden no desenvolvemento da súa autonomía persoal, social e laboral.

Neste sentido, ofrece actividades formativas como talleres de encadernación e papelería, estampado téxtil e terapia ocupacional para traballar destrezas que permitan desenvolver habilidades sociais, en novas tecnoloxías ou actividades da vida diaria. Ademais, conta con servizos complementarios como atención ás familias, programas afectivo-sexuais ou actividades culturais e formativas.