Estás en:Novas

A cooperativa NUMAX, referente cultural santiagués, destaca “o estímulo” que supuxo gañar os Premios PEL “para seguir mellorando”

NUMAX foi a gañadora dos Premios PEL 2019, na categoría específica desa edición, a de mellor iniciativa empresarial xeradora de emprego

Durante a visita, a deputada de Emprego tivo ocasión de coñecer as súas instalacións, que contan con librería, sala de cine e laboratorio de produción audiovisual e deseño gráfico

A cooperativa NUMAX, referente cultural santiagués, destaca “o estímulo”  que supuxo gañar os Premios PEL “para seguir mellorando”

A deputada de Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, visitou en Santiago a cooperativa NUMAX, unha das gañadoras dos premios PEL en 2019.

Xunto cos socios e socias da cooperativa, Rosa Ana García tivo ocasión de visitar a sala de cinema, a librería e demais instalacións e coñecer de primeira man o importante traballo que desenvolve esta cooperativa, "un referente cultural en Compostela".

Avelino González, socio e traballador da cooperativa, destacou que o premio supuxo "unha recompensa ao traballo realizado nos últimos anos, que ademais permitiu mellorar as condicións das persoas traballadoras e incorporar novo persoal". González destacou tanto "a dotación económica" como " a proxección" que dá o premio PEL supuxeron "un gran estímulo para seguir mellorando e crecendo" e invitou ás novas empresas a concorrer ao certame.

Premios PEL

Ata o 18 de xuño está aberto o prazo de presentación de candidaturas á sexta edición dos Premios do Plan de Emprego Local (PEL), que este ano premiará as iniciativas transformadoras da provincia, como recoñecemento ás entidades que as desenvolven, fomentando a súa imaxe positiva e realzando o seu papel fundamental como xeradoras de riqueza, emprego e benestar, contribuíndo á súa sustentabilidade, promovendo a cultura emprendedora e potenciando o rural. As entidades gañadoras de cada categoría recibirán un premio de 18.000 euros. As categorías convocadas este ano son as seguintes:

1ª CATEGORÍA: premio á mellor iniciativa transformadora nova. Destinada a recoñecer o labor das pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as que iniciasen a súa actividade empresarial nas anualidades 2023 ou 2024.

2ª CATEGORÍA: premio á mellor iniciativa transformadora consolidada. Destinada a recoñecer o labor das pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as que iniciasen a súa actividade empresarial durante a anualidade 2019 ou con anterioridade.

3ª CATEGORÍA: premio á mellor iniciativa verde. Destinada a recoñecer o labor das pequenas e medianas empresas, microempresas, autónomos/as, asociacións e clusters empresariais e concellos que conten con proxectos que teñan por obxectivo a transición ecolóxica e enerxética, a loita contra o cambio climático, a agricultura sostible, a protección do medio ambiente, a preservación da biodiversidade, a economía circular e/o o uso eficiente dos recursos.

CATEGORÍA A PROPOSTA DO XURADO: premio á mellor iniciativa transformadora do rural. Sen postulación previa de candidaturas.

A participación só poderá realizarse mediante a presentación telemática da documentación especificada nas bases, a través da plataforma SUBTeL, na convocatoria PEL-EPR PREMIO 2024.

O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 18 de xuño de 2024 ás 14.00 horas.

Pode consultar as bases e a convocatoria publicadas no BOP na páxina web do Premio provincial á mellor iniciativa empresarial: pel.gal/premio