Estás en:Novas

O Plan Único da Deputación inviste no concello de Trazo un total de 910.935 €

A deputada de plans provinciais, Cristina García Rey, visitou o municipio onde presentou o investimento de 910.935,32€ que inclúe os 464.460,91€ iniciais e os 446.474,41€ adicionais

O Plan Único da Deputación repartirá un total de 100,5 M€ entre os 93 concellos da provincia, sumando o importe da fase inicial e o das adicionais

O Plan Único da Deputación inviste no concello de Trazo un total de 910.935 €

O Concello de Trazo recibiu a visita institucional da deputada de plans provinciais e asistencia a municipios, Cristina García Rey, que presentou os investimentos do Plan Único da Deputación para o municipio: 910.935 €, sumando os 464.460,91€ iniciais e os 446.474,41€ adicionais. Un importe que o goberno municipal poderá destinar ás obras e servizos que considere prioritarias en función das súas necesidades.

Máis de 7 millóns para a comarca de Ordes
A deputada reuniuse coa alcaldesa de Trazo, Josefina Suárez, e con parte da corporación municipal e, posteriormente, visitaron unha das obras en execución, financiadas do Plan Único. Un plan que investirá 7.207.033,44 € en toda a comarca de Ordes (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo) e 100,5 M€ na provincia.

Importancia do Plan Único para os concellos pequenos
Cristina García Rey salientou a importancia desta ferramenta de financiamento local, "especialmente para concellos pequenos como Trazo", apuntou, "que son os que máis se benefician do Plan Único posto que nalgúns casos chega a supoñer ata o 30% do seu orzamento".

"Ademais", engadiu, "permítelle á veciñanza dispoñer de novas obras e servizos que contribúen á mellora do seu benestar: unha prioridade para a Deputación da Coruña".