Estás en:Novas

A deputada de lingua, Soledad Agra, defende na gala Falemos + Galego o “orgullo de contar cunha lingua propia”


O acto reuniu esta mañá en Cee ao alumnado dos 14 centros educativos da comarca que promoveron a campaña

Conducida por María Lado e Xurxo Souto, a gala contou tamén con actuacións de artistas da Costa da Morte

A deputada de lingua, Soledad Agra, defende na gala Falemos + Galego o “orgullo de contar cunha lingua propia”

A Praza do 8 de Marzo de Cee acolleu esta mañá a gala Falemos + Galego, na que participou a deputada de lingua, Soledad Agra, que defendeu durante a súa intervención "o orgullo de contar cunha lingua propia" ante o alumnado dos 14 centros educativos da Costa da Morte que promoveron a campaña, afirmando tamén que "é unha sorte estar hoxe aquí diante de tanta xente moza e nun territorio como a Costa da Morte, cunha identidade tan marcada e cunha forma de fala tan peculiar e definida".

María Lado e Xurxo Souto foron os encargados de conducir o acto, que contou tamén coas actuacións de Caamaño & Ameixeiras e Antía Muíño, así como do grupo musical Malleira, do IES Agra de Raíces; Aroa Sendón, alumna do IES Terra de Soneira; e os gaiteiros do IES Maximino Romero de Lema, de Baio.

Esta gala é o broche final dunha campaña posta en marcha por 14 centros educativos da Costa da Morte para para promover o uso do galego entre a rapazada. "Unha iniciativa que aplaudimos e apoiamos dende a Deputación da Coruña", apuntou a deputada, "xa que conta coa participación da comunidade educativa e a rapazada para reivindicar a nosa lingua, polo que para nos é unha auténtica honra poder sumarnos".

Soledad Agra referiuse tamén á importancia "de sentirnos orgullosas da nosa da nosa cultura e da nosa lingua" e de "empregala, falala e amala, sexa cal sexa o contexto, e sexa na variedade que sexa,como parte esencial da nosa identidade".