Estás en:Novas

Carballo bate o récord de participación do Campionato de España de Autocross 2024

A Deputación apoia a celebración da proba, na que compiten esta fin de semana 116 pilotos

Carballo bate o récord de participación do Campionato de España de Autocross 2024

Por primeira vez no que vai de tempada, o Campionato de España de Autocross, CEAX Goldspeed, superará os cen participantes. Un total de 116 pilotos están inscritos para a carreira que se disputará esta fin de semana en Carballo, a cuarta do calendario e a primeira das dúas previstas en Galicia. Presentámola este xoves, nun acto no que participaron o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez; Ernesto Rumbo, en representación de Rally Club Coruña; o vogal responsable de relacións institucionais da Federación Española de Automobilismo, Juan Esteve; o deputado provincial de Deportes, Antonio Leira; o delegado provincial de Deportes da Xunta, Roberto García, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

A proba, organizada polo Club Rally Coruña, contará cun magnífico plantel en División I, na que destaca o regreso de Tito Rodríguez, gañador o ano pasado no trazado da parroquia de Bértoa. Na División II, a outra de turismos, Gabriel Serrano parte como favorito cunha bagaxe de sete vitorias, récord ata o de agora no noso circuíto. Na División Buggy e nas tres de Car Cross, as de Carballo serán as parrillas máis numerosas da temporada.

Os líderes provisionais son Roberto Martínez e Rafael Gallardo, empatados a puntos na División I; Jonathan Vázquez na División II, Carlos Hernando en Buggy, Iortiz Zalloetxevarria en Car Cross, Aleix Costa en Car Cross Junior e Quim González en Car Cross Series.

A zona do Rego da Balsa acollerá as verificacións técnicas e administrativas ao longo da xornada do venres 12, polo que haberá zonas de estacionamento fóra de servizo. O sábado, a partir das 12.00 horas, disputaranse as mangas clasificatorias, e o domingo serán as finais, que poderán seguirse en directo por YouTube. Tedes o enlace e toda a información sobre a carreira máis abaixo.