Estás en:Novas

Rianxo recibe máis de 1 millón de euros do Plan Único da Deputación

A deputada de plans provinciais e asistencia a municipios, Cristina García, visitou esta mañá o municipio, onde presentou os investimentos e visitou algunhas das obras financiadas cos fondos provinciais

A Deputación da Coruña destina 100,5 M€ a través deste plan, que reparte entre os 93 concellos da provincia

Rianxo recibe máis de 1 millón de euros do Plan Único da Deputación

O concello de Rianxo recibiu esta mañá a visita da deputada de plans provinciais e asistencia a municipios, Cristina García, que presentou os investimentos do Plan Único da Deputación na localidade: 1.120.240,19 € sumando os 525.152,39 € e os 595.087,80 € adicionais. Acompañada do alcalde, Julián Bustelo, e parte da corporación municipal, a deputada aproveitou tamén para visitar algunhas das obras financiadas co plan. Concretamente, o paseo marítimo onde o Concello vai acometer unha primeira fase de mellora da Iluminación  Setefogas-A Torre, do que xa ten aprobadas 2 fases máis para executar no futuro, e a ampliación da rede de saneamento e abastecemento en Quintáns.

O Plan Único está destinado ao financiamento de obras e servizos municipais, e "permítelle aos concellos xestionar os fondos da Deputación con autonomía en función das súas prioridades, en beneficio da súa veciñanza", apuntou a deputada. "No caso de Rianxo, estase apostando por proxectos de mellora do ciclo da auga, tanto de abastecemento como de saneamento, e tamén de iluminación e mellora de eficiencia enerxética, fundamentais para un concello como este".

Pola súa parte, o alcalde, Julián Bustelo, agradeceu "o compromiso da Deputación para dotar a concellos de fondos nun momento no que aumentou o gasto corrente, e no que cada vez se nos carga de máis competencias", e salientou a importancia do Plan Único para os concellos, "sen el non poderiamos levar a cabo investimentos como este, do cambio de luminarias no paseo marítimo".

O importe destinado ao concello de Rianxo forma parte do total destinado á comarca de Barbanza (Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira), que alcanza os 6.035.023€, e tamén dos 100,5 m€ que se invisten, en total, nos 93 concellos da provincia da Coruña.