Estás en:Novas

A Deputación da Coruña organiza o 1º Maratón de Galeguidades, un evento en liña para pór en valor as múltiples identificacións con Galicia que existen arredor do mundo

En colaboración co IGADI, organiza o mércores 24 de xullo  un directo de 12 horas que dará a volta ao planeta para subliñar a importancia Galicia exterior

Valentín González Formoso destaca que, con esta iniciativa, a Deputación pretende "dar voz e render a nosa homenaxe a todas as persoas e entidades que, con orgullo, manteñen viva a chama da galeguidade arredor do mundo".

No evento participarán máis de 100 persoas dos cinco continentes, entre entrevistadores e entrevistados, para explicar qué se sabe de Galicia nos seus países, como se organiza a comunidade galega ou de que xeito poden os galegos na diáspora proxectarse na sociedade internacional

A Deputación da Coruña organiza o 1º Maratón de Galeguidades, un evento en liña para pór en valor as múltiples identificacións con Galicia que existen arredor do mundo

A Deputación da Coruña, coa colaboración do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), organiza o vindeiro mércores, 24 de xullo, o 1º Maratón de Galeguidades, un evento para pór en valor as múltiples identificacións con Galicia que existen arredor do mundo.

Así, a través dunha retransmisión en vivo que poderá seguirse a través da web
https://galeguidades.hub.gal/ e da canle de YouTube habilitada ao efectos, poderá seguirse durante 12 horas (desde as 8:30 ata as 20:30 horas no horario peninsular) un Maratón en directo no que se dará voz a persoas, entidades e proxectos vinculados con Galicia ao longo de 25 países dos cinco continentes.

Nestas conversas participarán preto de 100 persoas, entre entrevistadoras e entrevistadas, co obxectivo de subliñar e dotar de contidos a conexión entre a Galicia continental e a Galicia exterior.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou que con esta iniciativa, que se celebra a véspera do Día de Galicia, a Deputación da Coruña pretende "dar voz e render a nosa homenaxe a todas as persoas e entidades que, con orgullo, manteñen viva a chama da galeguidade arredor do mundo".

Formoso destacou a "contribución decisiva da emigración galega ao desenvolvemento e a construción da Galicia actual" e puxo de manifesto que o maratón dará voz a algunhas das principais entidades sociais e culturais galegas en América, Europa, Asia ou África, máis tamén a persoas que destacan polo seu compromiso con Galicia desde o exterior, ao talento que Galicia exporta ao mundo e a entidades galegas que desenvolven proxectos de cooperación exterior e que axudan a mellorar as condicións de vida de miles de persoas en países en vías de desenvolvemento.

"É un maratón a través de internet para conectar coa diáspora. Tanto coa máis tradicional (Suíza, Alemaña, Francia, México, Arxentina, Uruguai...) como coa nova, moito máis 'líquida'. A idea é comprobar que se sabe de Galicia nos seus países, como se organiza a comunidade galega ou de que xeito poden os galegos na diáspora proxectarse na sociedade internacional", apunta Daniel González Palau, director do IGADI.

Sen embargo, González matiza que as persoas emigrantes ou con ascendencia galega non serán as únicas protagonistas destas charlas, de aí que se empregue o termo "galeguidades": "Entendémolo como unha identidade con Galicia aberta".

Deste xeito, o evento non só dará voz a emigrantes e a descendentes de emigrantes de todas as idades, senón que tamén contará con estranxeiros que, por diversos motivos, implicáronse con Galicia e co galego.

Así, entre as persoas entrevistadas atópanse representantes de Centros Galegos e asociacións de empresarios, organizacións de galegas da nova diáspora, traballadoras galegas en sedes diplomáticas, investigadoras e investigadores da Asociación Internacional de Estudos Galegos, emprendedores ou profesionais variados na medicina, o xornalismo, a publicidade ou a Universidade.

Mentres, algunhas das entrevistadoras serán xornalistas como Fernanda Tabarés e Santiago Garrido (La Voz de Galicia), Monste Montaos (CRTVG) ou Marta Otero (La Opinión), pero tamén creadores de contido en galego para internet, como o tuiteiro estadounidense Andy Chichester, a youtuber Prado Rúa, ou Borja González (creador da comunidade de internet en galego máis grande en redes sociais, Orgullo Galego).

Igualmente, haberá espazo para novos medios de internet nacidos na diáspora, como a revista cultural O Ferrado, ou o poadcast Fóra de Mapa. Tamén dinamizarán as conversas, artistas como Sabela Ramil, escritoras como Llerena Perozo ou Zinthia Álvarez, profesores universitarios como Luzía Oca, Diego Sande ou Christoph Schreinmoser, e mesmo Ramiro Rodríguez, Cónsul de Uruguai en Galicia e norte de España.

Este evento en directo non será illado, pois virá acompañado dun informe de conclusión que pretende axudar á Deputación da Coruña a mellorar as políticas de acción exterior coa emigración galega e aproveitar a súa competitividade.

Segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística, hai máis de 529.000 galegos e galegas residindo fóra de España. Así as persoas galegas supoñen preto do 20% do total de poboación española no estranxeiro. América, con 410.000 persoas, é o continente con máis presenza galega. Séguelle Europa, cuns 113.000 residentes e a moita distancia xa están Oceanía (máis de 2.000), Asia (case 1.500) e África (algo máis de 1.000).