A deputada de Medio Rural reuniuse coa directiva da Asociación Forestal Galega
A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, continuou hoxe coa súa rolda de encontros cos sectores produtivos da provincia, cunha reunión en presidente da Asociación Forestal Galega (ASFOGA), Jacobo Feijoo e a directora técnica da entidade na súa sede de Santiago de Compostela.
Na reunión púxose de manifesto a importancia e o gran potencial do sector forestal en Galicia e Capelán subliñou o importante traballo que desenvolve ASFOGA en ámbitos como o da formación e asesoramento xurídico e técnico a agricultores, gandeiros ou comunidades de montes en materia de aproveitamento e xestión responsable dos recursos forestais, así como dando voz ás reivindicacións de máis de 9.000 pequenos propietarios forestais.
Neste sentido, lembrou que a Deputación, a través das liñas de subvencións para entidades agrarias, gandeiras e labregas, vén colaborando nos últimos anos con ASFOGA en cuestións como xornadas de formación para o aproveitamento dos recursos do monte máis alá da madeira ou a posta en valor de produtos como o polen, a xalea real ou o propóleo.
Na reunión falouse do futuro do sector forestal en Galicia e de cuestións que afectan ao sector como o minifundismo, o abandono do monte e do rural, a prevención de incendios ou os novos aproveitamentos da madeira e outros recursos forestais valorizables.