A Deputación da Coruña dá voz ás persoas que manteñen viva a chama da galeguidade arredor do mundo
En colaboración co IGADI, desenvolve na véspera do Día de Galicia o I Maratón de Galeguidades, un streaming de 12 horas en directo no que participan máis de 100 persoas desde 27 países dos cinco continentes
Formoso abordou o "gran drama da nova emigración, que supón que a mocidade con formación e talento teña que buscar oportunidades fóra de Galicia"
"Cando alguén quere desenvolver o seu talento e os seus coñecementos aquí e non pode facelo por falta de oportunidades é un fracaso como país. Debemos apostar máis pola investigación e a ciencia", afirmou o presidente na súa entrevista
A Deputación da Coruña, coa colaboración do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), organiza ao longo da xornada de hoxe, véspera do Día de Galicia, o 1º Maratón de Galeguidades, un streaming de 12 horas en directo no que participan máis de 100 persoas desde 27 países dos cinco continentes para falar das distintas formas de ver e de sentir Galicia arredor do mundo.
O Maratón desenvólvese mediante entrevistas e faladoiros encadeados, que comezaron en Oceanía e Asia e continuaron en países de Europa e África e rematarán esta tarde con distintas conexións con América. A retransmisión en vivo pode seguirse a través da web https://galeguidades.hub.gal/ ,da canle de YouTube e as redes sociais da Deputación da Coruña ou do IGADI.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, foi entrevistado esta mañá polo xornalista Tino Santiago para falar do traballo da institución provincial desenvolve desde hai anos no apoio á Galicia exterior e da perspectiva que se ten desde a provincia sobre a emigración, a histórica e a actual, e os retos de futuro.
Formoso destacou "a contribución da nosa emigración ao desenvolvemento dos países que nos acolleron e da propia Galicia. Proba diso son as máis de 300 escolas que foron construídas nos nosos pobos e vilas grazas ao labor filantrópico dos emigrantes" e repasou a colaboración histórica da Deputación, ao longo de décadas, con centros, asociacións e institucións benéficas galegas de referencia no exterior como o Colexio Santiago Apóstol, o Museo da Emigración Galega (MEGA), ou o Hogar Gallego para Ancianos de Bos Aires (Arxentina) ou o Padroado da Cultura Galega e o Hogar Español de Montevideo (Uruguai).
Tamén se abordaron na entrevista os cambios e as novas formas de emigración galega, formada fundamentalmente por xente moza cunha formación moi cualificada. "Pasamos de emigrar a Suíza para facer traballos de baixa cualificación a traballar como investigadores do acelerador de partículas do CERN. É positivo que existan este tipo de oportunidades nun mundo globalizado, pero supón un gran drama que a mocidade galega mellor formada da nosa historia teña que facer a súa vida lonxe de aquí e teña que buscar oportunidades fóra de Galicia. Cando alguén quere desenvolver o seu talento e os seus coñecementos na súa terra e non pode facelo por falta de oportunidades é un fracaso como país. Debemos apostar máis pola investigación e a ciencia", afirmou Formoso.
Finalmente, abordouse o papel da Deputación da Coruña en proxectos de cooperación exterior. "A solidariedade galega mellora a vida de miles de persoas en países en vías de desenvolvemento arredor do mundo", afirmou o presidente, que lembrou que a institución provincial apoia este ano a 22 ONG galegas en proxectos educativos, sanitarios e de mellora de infraestruturas básicas como a "Escola Coruña" de Senegal ou o programa "Viaxe cara a vida", que permite traer cada verán a nenos africanos para ser operados de cardiopatías e graves doenzas no CHUAC.
O Maratón continúa ao longo da xornada dando voz a emigrantes e a descendentes de emigrantes de todas as idades, e contará ademais coas historias de persoas estranxeiras que, por diversos motivos, implicáronse con Galicia e co galego como o profesor estadounidense Andy Chichester, a lingüista polaca Wiktoria Grygierzec, ou a xornalista brasileira Thayane Gaspar.
Entre as persoas entrevistadas atópanse representantes de Centros Galegos e asociacións de empresarios, organizacións de galegas da nova diáspora, traballadoras galegas en sedes diplomáticas, investigadoras e investigadores da Asociación Internacional de Estudos Galegos, emprendedores ou profesionais variados na medicina, o xornalismo, a publicidade ou a Universidade.
Os entrevistadores do Martón son xornalistas como Fernanda Tabarés e Santiago Garrido (La Voz de Galicia), Monste Montaos (CRTVG) ou Marta Otero (La Opinión), pero tamén creadores de contido en galego para internet, como a youtuber Prado Rúa, ou Borja González (creador da comunidade de internet en galego máis grande en redes sociais, Orgullo Galego).
Igualmente, haberá espazo para novos medios de internet nacidos na diáspora, como a revista cultural O Ferrado, ou o poadcast Fóra de Mapa. Tamén dinamizarán as conversas, artistas como Sabela Ramil, escritoras como Llerena Perozo ou Zinthia Álvarez, profesores universitarios como Luzía Oca, Diego Sande ou Christoph Schreinmoser, e mesmo Ramiro Rodríguez, Cónsul de Uruguai en Galicia e norte de España.
Este evento en 'streaming' non será illado, pois virá acompañado dun informe de conclusión que pretende axudar á Deputación da Coruña a mellorar as políticas de acción exterior coa emigración galega e aproveitar a súa competitividade.
Segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística, hai máis de 529.000 galegos e galegas residindo fóra de España. Así as persoas galegas supoñen preto do 20% do total de poboación española no estranxeiro. América, con 410.000 persoas, é o continente con máis presenza galega. Séguelle Europa, cuns 113.000 residentes e a moita distancia xa están Oceanía (máis de 2.000), Asia (case 1.500) e África (algo máis de 1.000).