Estás en:Novas

Negreira estrea o renovado campo de fútbol municipal de Cepelo

O presidente da Deputación e o alcalde de Negreira inauguraron o novo terreo de xogo de herba artificial, que supuxo un investimento de 200.000 euros con cargo ao Plan Único

Negreira estrea o renovado campo de fútbol municipal de Cepelo

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, presidiron esta mañá a inauguración do novo terreo de xogo do campo de fútbol municipal de Cepelo. No acto participaron tamén o deputado de Deportes, Antonio Leira, e a deputada de Política Social, Mar García Vidal, ademais de concelleiros e concelleiras da localidade.

O campo dispón dun novo terreo de xogo de herba artificial de última xeración, con certificación FIFA Quality Pro, o que permite un uso intensivo e cómodo por parte dos equipos locais que adestran e xogan nesta instalación deportiva. As obras foron financiadas cun investimento de 200.000 euros con cargo ao Plan Único (POS+2023) da Deputación.

No seu discurso inaugural, Formoso puxo de manifesto "o compromiso da Deputación con Negreira" con importantes investimentos no municipio como a estrada a Pontenafonso, as sendas de Urdilde e Marco do Condado ou a mellora desta instalación deportiva. "Con este, son máis de 100 os campos de fútbol da provincia que foron mellorados con investimentos do Plan Único", sinalou o presidente da Deputación, que destacou "o traballo permanente do alcalde para trasladar á Deputación todas as demandas e necesidades do municipio".

O alcalde, Manuel Ángel Leis, agradeceu a colaboración da Deputación para renovar o campo de fútbol, que data de 2007. "Este campo foi inaugurado hai 17 anos polo presidente Salvador Fernández Moreda e hoxe, con Valentín González Formoso como presidente, volvemos a darlle as condicións necesarias para que os nosos equipos podan xogar e adestrar aquí".

"Coa renovación desta instalación deportiva dámoslle a Negreira o que merece", afirmou o alcalde, que destacou que "Negreira é un referente na comarca en deporte, grazas a un gran traballo das escolas deportivas municipais e á mellora das infraestruturas, moitas delas coa colaboración da Deputación".

Durante o acto festivo, que congregou a numerosos veciños e veciñas, descubriuse unha placa conmemorativa e o novo terreo de xogo estreouse cun partido amistoso entre os equipos femininos da Asociación Deportiva Nicraniense e a Sociedade Deportiva Negreira.