A Deputación da Coruña acorda novas colaboracións coas asociacións de veciños de Esmelle e Covas, en Ferrol
Formoso confirma que a Deputación atenderá a demanda veciñal de construción das novas beirarrúas en Covas, pero terá que acometerse primeiro a dotación do saneamento por parte de Augas de Galicia
A Deputación iniciará trámites con Defensa para tratar de sumar a batería de Cabo Prior ao Plan de Recuperación das Baterías de Costa de Monteventoso, Bailadora e Campelo
Formoso anuncia a convocatoria dunha nova liña de axudas da Deputación, dotada con medio millón de euros e específica para asociacións de veciños, mulleres rurais e comunidades de regantes
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse hoxe en Ferrol coa xunta directiva das asociacións veciñais de Esmelle e Covas, coas que acordou novas liñas de colaboración en materia de mantemento e renovación das súas instalacións e locais, necesidades de mellora en estradas da rede viaria provincial e accións de conservación e promoción do patrimonio.
Formoso, que estivo acompañado da deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, e a deputada de Emprego e Industria, Rosa Ana García, foi recibido na Asociación de Veciños de Esmelle polo presidente da entidade, Miguel Parra, o vicepresidente, Paulino Gasalla, Manuel Lorenzo e outros membros da xunta directiva, cos que comprobou o resultado das obras de impermeabilización, pintado e mellora da cuberta do seu local social, financiadas cunha subvención da Deputación.
Os directivos da entidade veciñal explicaron ao presidente e as deputadas as múltiples actividades que desenvolven no ámbito cultural, deportivo, de mellora e conservación do entorno e de recuperación do patrimonio, algunhas delas tamén coa colaboración da Deputación, como o singular Proxecto Esmelle para a recuperación de antigas fontes, muíños e lavadoiros.
"Esmelle é unha referencia no eido do asociacionismo veciñal. Unha entidade que leva anos facendo un esforzo enorme en ámbitos como a recuperación do patrimonio, mellora de camiños e outras actividades", afirmou Formoso, que anunciou alí a convocatoria inminente dunha nova liña de subvencións da Deputación destinada a entidades veciñais, asociación de mulleres rurais e comunidades de regantes que "incrementa nun 80% o orzamento que había para este fin" e estará dotada con medio millón de euros.
O presidente defendeu a necesidade de apoiar especialmente desde as administracións "a aquelas entidades veciñais que se implican máis activamente na mellora do seu entorno".
"Todas as entidades veciñais traballamos para dinamizar o noso entorno, pero parécenos unha boa idea que se apoie máis a quen máis traballa. Parécenos tamén unha excelente nova o incremento do orzamento para asociacións de veciños, xa que son moitas as necesidades", afirmou o presidente da entidade, Miguel Parra, que agradeceu tamén a colaboración da Deputación para efectuar as reformas necesarias no seu local social, que incluíron a renovación do tellado e o pintado exterior dun inmoble que conta con máis de trinta anos.
Mellora de estradas en Covas
Posteriormente, Formoso visitou a sede da Asociación de Veciños de Covas, onde foi recibido polo presidente da entidade, Manuel Sendón, e os membros da xunta directiva, que lle trasladaron distintas necesidades e demandas entre as que destaca a mellora da seguridade viaria nas estradas provinciais da zona.
"Os veciños de Covas demandan melloras necesarias como a construción de novas sendas ou beirarrúas na estrada principal de Covas, a DP 3603, e a reparación dalgúns tramos que presentan desperfectos. Un proxecto que imos coordinar con Augas de Galicia e o Concello de Ferrol para que se acometa primeiro a dotación do saneamento e despois a Deputación comezará a construción das beirarrúas, en unha ou dúas fases, porque é unha actuación importante", afirmou Formoso, que aclarou que "non ten sentido que nos poñamos a facer agora unha obra que despois haxa que levantar para meter o saneamento, como dicía Sendón na reunión, así que imos a contactar con Augas de Galicia para que nos expliquen o proxecto e os prazos cos que traballan e a continuación, de forma coordinada, imos a facer esas beirarrúas, como nos piden os veciños", anunciou o presidente.
O presidente da Deputación afirmou tamén que houbo outras demandas relativas á mellora de estradas como a necesidade de intensificar a frecuencia da limpeza das marxes nas DP 3003 e DP 3606, a instalación de pasos de peóns sobreelevados en zonas máis poboadas, ou unha maior vixilancia para garantir que a estrada que vai a Canteras Ferrolanas conte con condicións de seguridade para o tráfico.
"Abordamos tamén a posibilidade de, en colaboración co Concello de Ferrol, falar co Ministerio de Defensa tratar de sumar a batería de Cabo Prior ao proxecto impulsado pola Deputación para recuperar as baterías de costa de Monteventoso en Ferrol, Bailadora en Ares e Campelo en Valdoviño. Un proxecto que terá que ir pouco a pouco, en función da dispoñibilidade de fondos, pero que pretende recuperar espazos emblemáticos para esta comarca e cun gran potencial turístico", afirmou Formoso.
O presidente da asociación veciñal de Covas, Manuel Sendón, agradeceu "a primeira visita dun presidente da Deputación a esta entidade" e o seu compromiso de acometer melloras na seguridade viaria na zona. "As beirarrúas na estrada principal levámolas demandando moitos anos. Fíxose unha primeira fase, pero necesita ampliarse máis", apuntou Sendón, que incidiu tamén na necesidade de melloras noutras estradas provinciais da zona.
"A rehabilitación das baterías de costa é un proxecto importante da Deputación de cara á promoción do turismo nesta zona. Aquí en Covas de momento non se pode facer nada porque a batería segue sendo de Defensa, pero Valentín comprometeuse a liderar este proxecto e tratalo directamente con Defensa desde a Deputación", afirmou o presidente da entidade veciñal.