O Plan Único da Deputación financia as obras e servizos municipais de Cee cun importe de 818.879 €
A deputada de plans provinciais e asistencia a municipios, Cristina García, visitou esta mañá o municipio, onde presentou os investimentos da Deputación no municipio e visitou unha das obras financiadas co Plan Único
Esta ferramenta permítelle aos 93 concellos da provincia, que reciben un total de 100,5M€, investir os fondos da Deputación en obras e servizos municipais con autonomía, en función das súas necesidades
A deputada de plans provinciais e asistencia a municipios, Cristina García Rey, visitou esta mañá o concello de Cee, onde se reuniu coa alcaldesa, Margarita Lamela, e con parte da corporación municipal, e visitaron unha das obras financiadas co Plan Único da Deputación: a mellora de pavimentos na rúa Río Ferrol.
O concello de Cee recibiu neste exercicio un total de 818.878,61 € por parte da Deputación a través do Plan Único para o financiamento de obras e servizos municipais. Unha cantidade que inclúe os 444.318,35 € iniciais e os 374.560,26 € adicionais, e que forma parte dos máis de 3 millóns de euros destinados á comarca de Fisterra (Corcubión, Muxía, Dumbría, Fisterra e Cee) e dos 100,5 millóns que se reparten entre os 93 concellos da provincia.
"O Plan Único é unha ferramenta pensada para que os concellos invistan con autonomía os investimentos da Deputación, en función das súas necesidades e prioridades" sinalou a deputada. "Isto repercute na eficiencia da xestión municipal e, sobre todo, no benestar e na mellora de calidade de vida da veciñanza".
A alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, agradeceu a visita da deputada e salientou a importancia do Plan Único, "fundamental para os concellos xa que sen el non podemos financiar unha gran cantidade de obras". Ademais, valorou positivamente os "criterios obxectivos" de reparto do Plan, así como a "autonomía" para decidir os investimentos. "Os concellos somos maiores de idade e debemos decidir como distribuímos os investimentos, tal e como nos permite o Plan Único, sen estar condicionados como no caso doutras administracións públicas".