Estás en:Novas

O concello de San Sadurniño recibe 778.246€ do Plan Único da Deputación

A deputada de plans provinciais e asistencia a municipios, Cristina García, visitou esta mañá o municipio, onde presentou os investimentos da Deputación e visitou unha das zonas que se beneficiarán do Plan Único

Esta ferramenta permítelle aos 93 concellos da provincia, que reciben un total de 100,5M€, investir os fondos da Deputación en obras e servizos municipais con autonomía, en función das súas necesidades

O concello de San Sadurniño recibe 778.246€ do Plan Único da Deputación

O concello de San Sadurniño acolleu esta mañá a visita da deputada de plans provinciais e asistencia a municipios, Cristina García Rey, que presentou os datos do Plan Único na localidade e visitou unha das obras financiadas, acompañada do alcalde, Secundino García, e parte da corporación municipal.

Concretamente, visitaron o espazo da futura obra de ensanche e pavimentación do Camiño dos Currás, que se executará co importe adicional de 2024. "Unha obra que se levará a cabo grazas ao Plan Único da Deputación, que lle permite aos concellos investir os fondos públicos nas obras e servizos que consideren prioritarios", apuntou a deputada. "Tamén lles permite ser máis efectivos na posta en marcha dos proxectos e, sobre todo, mellorar o benestar da veciñanza".

O rexedor municipal, Secundino García, engadíu pola súa banda que os programas provinciais de financiamento "dánnos máis autonomía e axilidade tanto na contratación como na execución, de maneira que os investimentos chegan máis rápido á xente".

Alén da axuda para infraestruturas, o alcalde de San Sadurniño referiuse ao "imprescindible" cofinanciamento provincial dos Servizos Sociais e doutros proxectos, como o Xeoparque do Cabo Ortegal, o espazo de traballo compartido e de apoio ao medio rural A Fusquenlla, o futuro centro de abordaxe do alzhéimer e outras demencias de Igrexafeita ou a renovación do vaso da piscina municipal, que contan en todos os casos "cunha importante colaboración provincial".

Neste exercicio, o Plan Único destinou a San Sadurniño un importe de 778.246€. En total, a comarca de Ferrol (Ares, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Valdoviño, San Sadurniño, Moeche, As Somozas, Neda e Cedeira) recibiu 10.101.621,22 € por parte da Deputación. Unha cantidade que forma parte do total destinado aos 93 concellos da provincia, que alcanza os 100,5 M€.

"Para nós é fundamental que sexan os gobernos municipais os que decidan como queren investir os fondos da Deputación, que se reparten con criterios obxectivos entre todos os concellos da Coruña", sinalou Cristina García. "Ademais, este plan cobra especial relevancia en concellos pequenos como San Sadurniño, chegando a representar nalgúns casos ata o 30% do seu orzamento total".