O Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación participa en ‘Viñetas desde o Atlántico’
Hoxe foi protagonista no Quiosco Afonso o certame convocado pola área de Cultura provincial, nun acto no que participaron a titular do departamento, Natividade González; o director do festival, Manel Cráneo; a gañadora da 18ª edición do Castelao na modalidade xeral, Paula Mayor, e o vencedor na categoría de literatura infantil e xuvenil, Cristian F. Caruncho
A deputada fixo balance dos Castelao, "un certame que, nas súas dezanove edicións, sempre se recoñeceu pola calidade das obras premiadas e que contribuíu a fomentar e proxectar o talento das e dos debuxantes e guionistas do noso país"
Cultura da Deputación está presente este ano por primeira vez no Festival Internacional da Historieta coruñés cunha exposición bibliográfica dos álbums premiados no Castelao que se poderá visitar en Palexco ata o 30 de setembro
O Quiosco Afonso acolleu esta mañá, polo Festival Internacional da Historieta 'Viñetas desde o Atlántico', a promoción do Premio Castelao de Banda Deseñada, convocado pola área de Cultura da Deputación. Fixo a presentación a titular do departamento, Natividade González, nun acto no que a acompañaron o director do festival, Manel Cráneo; a gañadora da 18ª edición do Castelao na modalidade xeral, Paula Mayor, e mais o vencedor na categoría de literatura infantil e xuvenil, Cristian F. Caruncho.
Rosalía oculta —a obra que coa que Mayor gañou o Castelao— e O día de San Martiño —a do galardón para Caruncho— serán protagonistas de cadansúa exposición dentro da sección oficial do festival, abertas na Sala Municipal Salvador de Madariaga ata o 30 de setembro. Ademais, para mañá está programada unha visita guiada ás mostras, conducida polos autores.
Cultura da Deputación está presente este ano por primeira vez no 'Viñetas desde o Atlántico' cunha exposición bibliográfica dos álbums premiados nos Castelao que se poderá visitar en Palexco tamén ata o 30 de setembro.
"Os premios Castelao", asegurou a deputada, "son referente non só en Galicia, senón fóra das nosas fronteiras, así que teñen merecementos para estar incluídos neste espazo que é o mundo da banda deseñada". "Para nós", engadiu González, "é un pracer participar, e intentaremos seguir sumando en vindeiros anos e, por que non, medrando entre todos xuntos, porque este é un festival relevante para cidade, pero tamén a nivel estatal". González fixo balance dos Castelao, "un certame que, nas súas dezanove edicións, sempre se recoñeceu pola calidade das obras premiadas e que contribuíu a fomentar e proxectar o talento das e dos debuxantes e guionistas do noso país". Rematou a súa intervención anunciando que o 28 de agosto coñecerase a resolución do xurado do 19º Premio Castelao, e agradeceu a presencia de Mayor e de Caruncho, así coma o interese dos autores en participar: "Necesitamos de vós, porque sen vós non servirían de nada eses incentivos económicos que, como administración, temos a obriga de aportar".
Cráneo agradeceu a colaboración que presta ao festival a Deputación, "que este ano se implicou máis que nunca con Viñetas desde o Atlántico, facilitando algúns novos acordos e financiando o catálogo do festival, así que estamos encantados de ter un punto de lectura, como é a retrospectiva de todos os álbums premiados nas 18 edicións dos Castelao que se pode visitar en Palexco ata o 30 de setembro".
Mayor e Caruncho agradecéronlle á Deputación a convocatoria dos premios Castelao e falaron do proceso creativo das obras coas que gañaron o certame. "O premio Castelao é unha marabilla, a verdade; independentemente da dotación económica, sempre é algo importante ver a túa obra publicada e que sexa recoñecida xa non na miña cidade, que é A Coruña, senón en todo o Estado", dixo Agrelo. "O Castelao é un certame que seguín desde sempre, pois sempre recoñeceu a autores que me interesaban e cuxa traxectoria seguía, así que o ano pasado decidín probar sorte con Rosalía oculta, non tiña nada que perder e, mira, tiven a sorte de gañar e de que o álbum lle gustase a autores que estaban no xurado e quen admiro, como David Rubín e Emma Ríos".
Caruncho etiquetou o seu álbum O día de San Martiño como un "churrasco western con estética de manga, en branco e negro con uso de tramas", para o que recuperou a Salustio, "un personaxe que xa inventara cando eu tiña 13 anos ou 14 e ao que lle daba vida en pequenos fanzines que fotocopiaba e logo vendía en feiras de artesanía ou mesmo aquí, no propio Viñetas".