Estás en:Novas

O 55º Rallye de Ferrol dispútase esta fin de semana con récord de participación

A Deputación apoia a celebración da proba decana dos Rallyes da provincia, que este ano conta con 126 equipos inscritos

O presidente da Deputación e o presidente da Federación Galega de Automobilismo apoian a incorporación da proba ao circuíto do Campionato de España de Rallyes

O 55º Rallye de Ferrol dispútase esta fin de semana con récord de participación

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, o presidente da Escudería Ferrol, Germán Castrillón, a secretaria territorial da Xunta en Ferrol, Patricia Busto, o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Antonio Rodríguez Troitiño e o representante de Gadisa, Fernando Mosquera, participaron esta mañá no Concello de Ferrol na presentación da 55 edición do Rallye de Ferrol, que se disputará este venres e sábado cunha participación récord de 126 equipos e un percorrido total de 352 quilómetros polos concellos de Ferrol, Narón, Irixoa, Monfero, San Sadurniño e As Somozas.

O presidente da Deputación da Coruña destacou o traballo conxunto das institucións e empresas colaboradoras para pór en marcha a 55ª edición do Rallye, "o máis antigo da provincia da Coruña, que se vén celebrando de forma ininterrompida desde 1970 nunha disciplina deportiva que en Ferrolterra conta cunha gran afección dende hai décadas". Formoso destacou tamén o gran traballo que desenvolve a Escudería Ferrol, liderada por Germán Castrillón, para manter a proba decana dos rallyes galegos, así como a importante repercusión económica que supón a proba para a comarca, que o ano pasado congregou a máis de 50.000 espectadores.

Valentín González Formoso lembrou que o Rallye de Ferrol é un dos 19 grandes eventos deportivos que apoia a Deputación a través da súa área de Deportes e felicitou á organización por conseguir este ano un récord de participación, con 126 equipos rexistrados.

O presidente sumouse tamén á petición do presidente da Federación Galega de Automobilismo, Antonio Rodríguez Troitiño, para que a proba, que xa forma parte do Circuíto do Campionato Galego de Rallyes de Asfalto, pase a ser tamén puntuable para o Campionato de España.

Pola súa banda, ao alcalde de Ferrol agradeceu tamén a colaboración e apoio de todas as institucións, empresas e entidades patrocinadoras para facer realidade unha nova edición do Rallye.

"Traballando xuntos é como conseguimos facer grandes cousas", afirmou Rey Varela, que destacou a repercusión que a proba deportiva ten non só para a cidade senón para as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

"Ferrol será a capital galega do motor con máis de 350 quilómetros de percorrido no que se vai a vivir a emoción, a velocidade e a adrenalina deste rallye, que é moi importante no deportivo e no posicionamento da marca de Ferrol", apuntou o rexedor, que invitou á cidadanía a seguir a proba nos diferentes concellos por onde pasa.

Pola súa banda, Germán Castrillón explicou os diferentes tramos da proba e as características técnicas de cada un deles e destacou que "somos a única proba en España que leva 55 anos sen fallar nin un só ano" e agradeceu a colaboración dos corpos e forzas de seguridade, bombeiros e protección civil para garantir a seguridade na proba.

Itinerario, tramos, equipos e máis información en:

https://rallyeferrol.com/es/2024/08/17/revista-55-rallye-de-ferrol-2/