Estás en:Novas

A Deputación inviste no concello de Carballo un importe de 2.602.343 € a través do Plan Único

A deputada de plans provinciais e asistencia a municipios, Cristina García, estivo esta mañá no municipio, onde presentou os investimentos da Deputación e visitou unha das obras financiadas co Plan Único

Esta ferramenta permítelle aos 93 concellos da provincia, que reciben un total de 100,5M€, investir os fondos da Deputación en obras e servizos municipais con autonomía, en función das súas necesidades

A Deputación inviste no concello de Carballo un importe de 2.602.343 € a través do Plan Único

O Concello de Carballo acolleu esta mañá a visita da deputada de plans provinciais e asistencia a municipios, Cristina García Rey, que se reuniu co alcalde, Evencio Ferrero, e con parte da corporación municipal, e posteriormente visitaron a obra do tramo de aglomerado de Bolón (Sofán) a Vilardefrancos (Artes), financiada co Plan Único e a senda peonil Adaña-Rus, cuxa segunda fase, que aínda non comezou, tamén se executará con fondos da Deputación.

"Obras como as que hoxe visitamos en Carballo son o mellor exemplo da importancia do Plan Único para os concellos, e para a mellora da calidade de vida da veciñanza" expresou a deputada. "Ese é, precisamente, o noso obxectivo e a nosa prioridade. Por iso, a través desta ferramenta facilitámoslle aos concellos que decidan como investir os fondos da Deputación, xa que son eles os que mellor coñecen a súa realidade e as necesidades dos veciños e veciñas".

Un total de 2.602.343,27 € é a cantidade que o concello de Carballo recibiu neste exercicio do Plan Único da Deputación para o financiamento de obras e servizos municipais. Cantidade que forma parte dos 8.917.364,27 € investidos na comarca de Bergantiños (Cabana, Carballo, Coristanco, Laxe, A Laracha, Ponteceso e Malpica) e dos 100,5 millóns repartidos entre os 93 concellos da provincia.

O alcalde de Carballo, pola súa parte, sinalou o importante investimento realizado no concello grazas ao Plan Único e destacou moi especialmente a utilización de criterios obxectivos por parte da Deputación para o reparto dos fondos entre todos os concellos da provincia.