Formoso recalca “a maxia” da Costa da Morte na inauguración da exposición ‘Mar de Ardora, Mar de Galicia’ en Vimianzo
A mostra ofrece máis de 60 imaxes captadas pola fotoxornalista Ana García sobre o fenómeno de bioluminiscencia que se produce nas costas coruñesas
O presidente provincial puxo en valor a "mestura entre visión persoal e habilidade técnica" para construír esta galería de fotografías que potencian o elevado valor visual da zona
A Deputación da Coruña colabora coa exposición 'Mar de Ardora, Mar de Galicia' no Castelo de Vimianzo, composta por máis de 60 imaxes captadas pola fotoxornalista de La Voz de Galicia Ana García sobre o fenómeno da bioluminiscencia que se dá na Costa da Morte. Esta tarde, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, inaugurou a mostra xunto coa directora de Promoción Turística da Xunta, Carmen Pita, e a alcaldesa de Vimianzo e deputada provincial, Mónica Rodríguez.
Durante o acto, Formoso recalcou que o traballo de Ana García axuda a recalcar "a maxia" da Costa da Morte, cunha historia chea de mitos e lendas que a converten nun enclave único no mundo. O presidente provincial quixo poñer en valor a habilidade da autora para "mesturar a súa visión persoal con habilidade técnica e profesional e moita paciencia" e así construír unha galería que potencia o elevado valor visual da zona. "A maxia que sempre se asociou a esta costa elévase con estas imaxes dun mar que semella arder e que demostra que a Costa da Morte está chea de vida", afirmou o presidente Deputación.
A exposición estará aberta ao público nas próximas semanas e nela pódense observar fotografías tomadas por Ana García en diferentes puntos da Costa da Morte. A primeira data do verán de 2020 e foi efectuada en Carnota. Desde entón, a fotoxornalista de La Voz de Galicia captou imaxes dos mares fluorescentes en Cabana, Ponteceso, Cee, Laxe, Malpica, Camariñas, Fisterra, Dumbría.
O da bioluminiscencia é un fenómeno producido pola concentración de Noctiluca, un organismo mariño que emite luz. A pesar de non ser exclusivo das costas galegas, as condicións particulares que se presentan neste territorio favorecen a súa aparición periódica, sobre todo nos meses de primavera e verán.