Xosé Regueira destaca “a capacidade das Meninas de Canido para xerar dinamismo económico e turístico”
O vicepresidente provincial participou hoxe na presentación da décimo sexta edición do festival, que se vai celebrar do 6 ao 8 de setembro no barrio ferrolán de Canido co apoio da Deputación da Coruña
"É unha gozada saber que aquí en Ferrol, e en Canido especialmente, haxa espazos que se poden comparar aos grandes barrios de arte urbana de toda Europa e de todo o mundo", afirmou Regueira
O vicepresidente da Deputación da Coruña e titular de Turismo, Xosé Regueira, participou está mañá na presentación da décimo sexta edición do Festival Meninas de Canido, que organiza a Agrupación Artística Meninas de Canido co apoio, entre outros, da institución provincial. No acto —celebrado no estudo de Eduardo Hermida, director do festival e presidente da entidade organizadora—, Regueira estivo acompañado polo propio Hermida; pola delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros; polo alcalde ferrolán, José Manuel Rey, e por representantes das empresas patrocinadoras.
"Para min, coma para todas as persoas ás que nos gusta a arte pública, é moi fermoso gozar destas rúas de Canido, e un pracer descubrir espazos onde a arte urbana consigue rexenerar e xerar dinamismo económico", destacou o vicepresidente.
O turismo, segundo Regueira, é outro dos sectores que se benefician do festival: "Estamos pechando unha temporada turística onde, por fin, Ferrol e toda a súa costa son xa non unha promesa, senón unha realidade, cuns datos fantásticos". "E as Meninas", engadiu, "forman parte tamén dese ideario e deses recursos que buscan moitas persoas cando viaxan ou visitan lugares coma o que nos atopamos".
Para o vicepresidente, as Meninas converteron a Canido nun dos referentes internacionais da arte urbana: "É unha gozada saber que aquí en Ferrol, e en Canido especialmente, haxa espazos que se poden comparar aos grandes barrios de arte urbana de toda Europa e de todo o mundo. Podo dicir que eu aquí atopo mellor obra que a que atopei en Harlem, en Nova York, en Londres ou mesmo en Exarchia, en Atenas, que veño de visitar este mesmo verán".
"Desde a Deputación", rematou Regueira, "seguiremos a apoiar iniciativas coma esta, para contribuír a que todos tomemos consciencia do que significa a arte pública a nivel turístico internacional".
Programa
As Meninas de Canido reunirá nesta edición a 21 dos mellores artistas internacionais de arte urbana; entre eles, Sfhir, Vuelco, Leticia D. Sahagún, Gon, Diego As, El Rojo, Sr. Gotta, Galien Soup, Pastron #7, Mayl Shambala, Hermonos, Belin, Suso 33, Beucha, Luis Rapela, Fire, Isabella Fox Arias e Sergio Ayala.
A programación inclúe un ciclo de concertos entre os que destacan os de Santiago Auserón, Indy Tumbita & The Voodoo Bandits e Tony Lomba & Elio dos Santos.
No parque Antón Varela instalarase un mercado creativo no que estarán Parrumeira, Barro&Co, Pollito Manualidades, Waves, Azul Gris, Longa Vida, Conloquetengo, Sestras, Pepinhamediaslongas, Sopa de Nuez, Fento do Vento, Kukko&Kana, Leandro Barea, Morgon, Dávana, Salsa Gaucha,, La Chapera, Todoclick, Malas Herbas, Pampillo Store, Ana Aguín Design, MDC e Román Romeral.