Estás en:Novas

A Deputación, a delegación do Colexio Oficial de Arquitectos da Coruña e a Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC traballan conxuntamente no fomento do emprendemento neste sector

A ETSAC organizará a Semana da Arquitectura, con eventos que incluirán a participación do COAG e do coworking do Pazo de Arenaza

O estudantado do máster de arquitectura e recén egresados contan con acceso preferente a módulos de traballo no coworking do Pazo de Arenaza

A Deputación, a delegación do Colexio Oficial de Arquitectos da Coruña e a Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC traballan conxuntamente no fomento do emprendemento neste sector

A sede da Deputación da Coruña acolleu hoxe unha reunión entre Rosa Ana García, deputada provincial da área de Emprego e Industria; Ruth Varela, presidenta da Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia ( COAG); Miguel Abelleira, director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC); Juan Diego Pereiro, xestor da asistencia técnica do coworking do Pazo de Arenaza; e persoal técnico dos servizos de Arquitectura e Desenvolvemento Territorial e Transición Ecolóxica da Deputación da Coruña.

Todas as entidades representadas acordaron colaborar e levar a cabo actuacións conxuntas no eido do fomento do emprendemento no sector da arquitectura, comezando pola Semana da Arquitectura que terá lugar a semana do 7 de outubro.

Durante esta semana, a ETSAC organizará unha serie de eventos nos que participarán arquitectos/as de recoñecido prestixio, ademais de institucións representativas do sector como a Irmandade de Arquitectos, a Caixa de Arquitectos, ASEMAS; conferencias, un acto de despedida do alumnado que finalice os seus estudos, e actos descentralizados tanto no COAG como no coworking do Pazo de Arenaza, especializado nos sectores da arquitectura e o urbanismo. Durante esta semana tanto representantes do COAG como do coworking do Pazo de Arenaza terán oportunidade de explicar aos/ás novos/as arquitectos/as os pasos a dar tras a finalización dos seus estudos: colexiación, posta en marcha dun estudo de arquitectura desde un coworking especializado neste eido e máis información de interese para os/as recén egresados/as.

Ademais durante a reunión fíxose fincapé na evolución do convenio polo que se establecen as bases de cooperación entre a Deputación da Coruña e a Universidade da Coruña para regular a colaboración da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC) co coworking do Pazo de Arenaza para o desenvolvemento de actividades de fomento do emprendemento polo cal se contempla a reserva e acceso preferente a catro módulos de traballo no coworking para estudantes do máster habilitante de Arquitectura e estudantes recentemente graduados da ETSAC que desexen comezar un proxecto empresarial.

O coworking do Pazo de Arenaza é un dos 11 centros de traballo colaborativo integrado dentro da Rede Provincial de Coworking, impulsada polo Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña, especializado nos eidos da arquitectura, o urbanismo e as novas tecnoloxías.

Para concluír, representantes de todas as partes acordaron continuar traballando coordinadamente e planificando actuacións conxuntas en aras de fomentar o emprendemento entre os/as novos/as arquitectos/as.