Estás en:Novas

O FIOT celebra a súa 33ª edición cunha revisión contemporánea do teatro clásico

Volverá contar co apoio da Deputación, representada hoxe na presentación do programa pola titular de Cultura, Natividade González, quen afirmou que o FIOT "segue a ser un referente tanto en Galicia como a nivel estatal e internacional", e defendeu "a obriga e o compromiso" do seu departamento "de apostar por este tipo de festivais e ofrecerlles apoio económico, imprescindible para o seu desenvolvemento e para achegar a mellor cultura á cidadanía"

O FIOT celebra a súa 33ª edición cunha revisión contemporánea do teatro clásico

O Pazo da Cultura de Carballo acolleu hoxe a presentación da 33ª edición Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), que un ano máis volve a contar co apoio da Deputación. No acto participou a deputada provincial de Cultura, Natividade González, a quen acompañaron o alcalde e a concelleira de Cultura da capital bergantiñá, Evencio Ferrero e Maruxa Suárez; Alberto Sueiro, presidente da A. Cultural Telón e Aparte, organizadora do festival; Luciano Calvo, presidente da Fundación Luis Calvo Sanz, un dos patrocinadores; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), e José López, conselleiro de Cultura da Xunta.

"O FIOT é un evento que cada outono enche as rúas, prazas e o teatro da vila de Carballo co mellor das artes escénicas, por iso se converteu nun referente tanto en Galicia como a nivel estatal e internacional", afirmou a deputada, quen defendeu "a obriga e o compromiso" do seu departamento "de apostar por este tipo de festivais e ofrecerlles apoio económico, imprescindible para o seu desenvolvemento e para achegar a mellor cultura á cidadanía". "Pero as achegas por si solas", engadiu, "non son suficientes: hai que materializalas en proxectos coma este, de programación rica e diversa, como corresponde a un festival con esta traxectoria".

Para González, "o FIOT é moito máis que un festival; é unha celebración da arte e da creatividade que nos une ao redor do teatro; é un encontro anual onde Carballo se transforma nun escenario vivo, nun espazo onde se respira teatro en cada recuncho e onde o público, as compañías e os artistas se funden nunha experiencia única".

"Ao longo destes anos", rematou, "o FIOT consolidouse grazas ao esforzo colectivo, á paixón dos organizadores, por iso quero parabenizar a Asociación Cultural Telón e Aparte e desexarlle moito éxito este ano e que siga sumando edicións, formando públicos e achegando as artes escénicas a toda a sociedade".

Os protagonistas

Baixo o lema 'Agora é sempre', o 33º FIOT reunirá en Carballo durante cinco semanas, do 26 de setembro ao 31 de outubro, a celebradas figuras da escena galega e nacional, como Daniel Veronese, Esther Carrodeguas, os Premios Nacionais de Literatura Dramática Pablo Remón, Paula Carballeira e Alberto Conejero, José Troncoso ou Andrea Jiménez, ademais de intérpretes de renome como Javier Cámara, Malena Alterio, Israel Elejalde, Marta Nieto, Paula Quintas, María Salas, Cándido Pazó ou Evaristo Calvo, e compañías sempre interesantes como Las Niñas de Cádiz, Berrobambán, Talía Teatro ou Teatro Kamikaze, entre moitas outras.

O FIOT33 achegará ao público textos de grandes clásicos como Shakespeare, Homero, Eurípides ou Chéjov, vistos desde o prisma contemporáneo, revisitando conflitos atemporais para propoñer unha singular viaxe que vai do contemporáneo á tradición.

O festival poderá gozarse nas táboas no Pazo da Cultura, nas rúas da vila e en outros espazos non convencionais, cun programa aberto a todos os públicos, formatos e sensibilidades, que concentra 36 espectáculos, de 3 países (España, Arxentina e Cuba) e 7 comunidades autónomas españolas (Galicia, Valencia, Cataluña, Castela e León, Madrid, Andalucía e Navarra), con 8 estreas absolutas, 1 estrea en España, 6 estreas en Galicia e máis dunha trintena de actividades de mediación.

O programa e toda información pódese consultar na web do festival: fiot.gal