Xosé Regueira reivindica a cultura como medio de promoción económica na presentación do festival Maré
"Maré fuxe do 'mainstream' para convertese en moito máis que un festival, pois fala de inclusión, de coñecernos a nós mesmos e a través doutras culturas e doutras manifestacións artísticas, ao tempo que nos convida a reflexionar sobre o que está pasando en todo o mundo, non só no ámbito cultural", salientou o vicepresidente.
Polos seis espazos de actuacións pasarán, do 25 ao 29 de setembro, artistas e compañía da altura de Albert Pla & The Surprise Band, A Pedreira, Ana Lua Caiano, Sumrrá & Niño de Elche, Chévere, Lá no Xepangara,Francisco, El Hombre, Al Ázar, Laura Itandehui, Sés, Shantel e Nacho · Faia · Lar
Do 25 ao 29 de setembro chega a Compostela a 5ª edición do Festival Maré de Artes e Músicas Atlánticas, organizado por Nordesía co apoio da Deputación de Coruña, entre outras entidades. Presentouse esta mañá, na Casa da Ría, nunha rolda de prensa na que participaron o vicepresidente provincial, Xosé Regueira; Vítor Velho, director do festival; Rómulo Sanjurjo, do proxecto Mate, que programará contidos en Maré; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta; Míriam Louzao, responsable da área de Capital Cultural do Concello de Santiago; e Loreto Rodríguez, de Estrella Galicia, un dos patrocinadores.
Regueira deulle os parabéns á organización "por asumir riscos á hora de programar festivais desta calidade, pois creo que estamos ante un evento tractor dentro do que se programa en Galicia".
"Eu", dixo o vicepresidente, "estou hoxe aquí porque presido unha área que é a de Promoción económica, e dígoo porque creo que hai que reivindicar a cultura como un elemento que produce riqueza, crea postos de traballo e benestar, e que nos dá moitas alegrías, moita oferta de ocio e que nos fai desfrutar". "Non podemos esquecer nunca", engadiu, "que detrás disto hai profesionais, e este festival reivindica ese carácter profesional do sector cultural e do sector da música que a nós nos interesa moito".
O vicepresidente lembrou que a Deputación da Coruña "está detrás dunha gran parte da programación, en canto a festivais, que existe no noso territorio". "Pero tamén é certo", rematou, "que este festival, que fuxe do 'mainstream', é moito máis: fala da inclusión; fala de coñecernos a nós mesmos e de coñecernos a través doutras culturas e doutras manifestacións artísticas; fala de espazos de convivencia, tan necesarios nesta cidade que ás veces ten problemas no aproveitamento do espazo público; e fala tamén de reflexionar sobre o que está pasando en todo o mundo, non só no ámbito cultural".
O festival
Maré quere, explican os organizadores, "catalizar os vínculos culturais de Galiza co mundo, que van desde ás conexións musicais ás lingüísticas, pasando polas emocionais, históricas e simbólicas". "Queremos", engaden, "dar visibilidade a unha cidade que se proxecta ao mundo a través de camiños de ida e volta nun diálogo intercultural entre ambos lados do Atlántico".
Maré é un concepto que promove o encontro artístico e que presta atención á inclusión social, o feminismo, á diversidade sexual, ás comunidades locais ou a sostibilidade ambiental: unha oportunidade para descubrir novas propostas e provocar colaboracións inéditas entre artistas convidadas e convidados.
"Tamén buscamos", din os promotores, "promover a calidez e a proximidade e unha integración na cidade achegándose coidadosamente ao Patrimonio; tanto no aspecto arquitectónico e paisaxístico, como no aspecto emocional intanxible, tecendo vínculos con comunidades musicais emblemáticas de Compostela".
Esta edición terá programación ata en media ducia de espazos diferentes: as praza da Quintana e de Mazarelos, o Teatro Principal, o Centro Galego de Arte Contemporánea, a sala Capitol e a Casa das Crechas. Por eles pasarán artistas e compañías da altura de Albert Pla & The Surprise Band, A Pedreira, Ana Lua Caiano, Sumrrá & Niño de Elche, Chévere, Lá no Xepangara,Francisco, El Hombre, Al Ázar, Laura Itandehui, Nacho · Faia · Lar, Sés e Shantel.