A Deputación apoia con 121.000 euros o mantemento da casa de acollida e dous pisos para mulleres vítimas da violencia machista no Concello da Coruña
Valentín González Formoso e Inés Rey asinaron hoxe o convenio de colaboración
A Deputación financia as Casas de Acollida de Ferrol, Culleredo e A Coruña, co obxectivo de fortalecer un servizo de atención esencial para afrontar a situación para as mulleres que sofren a violencia de xénero
A Deputación da Coruña colabora no financiamento da casa de acollida e de dous pisos de inclusión e transición á vida autónoma para mulleres vítimas de violencia de xénero no Concello da Coruña, reforzando así un servizo social esencial.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asinaron esta mañá na sede provincial o acordo a través do que a Deputación achega este ano 120.926,27 euros, un 24% do total dos gastos de mantemento destes espazos que dan atención ás vítimas da violencia de xénero e aos menores dependentes delas. No acto estivo tamén presente a deputada de Política Social, Mar García Vidal.
Con esta achega económica, a Deputación colabora co Concello da Coruña cos gastos de persoal e correntes, entre os que se inclúen produtos alimenticios, farmacéuticos, roupa ou axudas ao transporte, entre outros.
A casa de acollida da Coruña e os dous pisos pertencen á Rede Galega de Acollemento e constitúen un recurso de estadía temporal, atención e recuperación para as mulleres vítimas da violencia de xénero, así como para os e as menores ao seu cargo. O espazo permite a estas persoas, en situación vulnerable, recibir apoio, información e asesoramento en materia social, xurídica e psicolóxica, así como apoio para a súa reinserción laboral.
Valentín González Formoso destacou que a Deputación financia as Casas de Acollida de Ferrol, Culleredo e A Coruña, que dan servizo ao conxunto da provincia co obxectivo de fortalecer uns recursos esenciais para apoiar ás mulleres vítimas da violencia de xénero. O número total de prazas que ofrecen ascende a 48, 26 delas na Coruña (15 na casa e 11 nos pisos), 15 en Ferrol e 7 en Culleredo.
"A rede provincial de Casas de Acollida desenvolve un papel fundamental na atención a un colectivo especialmente vulnerable como é o das mulleres que sofren a violencia de xénero en momentos especialmente complicados das súas vidas nos que precisan toda a protección, apoio e acompañamento que poidamos ofrecerlles como sociedade", afirmou o presidente da Deputación. Os centros ofrecen recursos para atención integral destas mulleres, incluíndo acollida e residencia temporal, asistencia social, psicolóxica, legal ou itinerarios de inserción sociolaboral.
Pola súa banda, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey afirmou que "este acordo suporá un reforzo moi importante dun servizo esencial no que todas as administracións debemos ir da man para erradicar dunha vez por todas unha das grandes lacras da sociedade".