A Deputación insta á Xunta a velar polo cumprimento dos acordos laborais co cadro de persoal da empresa de transporte público de Ferrol
O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe unha moción presentada por PSOE e BNG en apoio ás demandas laborais dos traballadores e traballadoras da empresa de transporte público de Ferrol. A iniciativa saíu adiante cos votos favorables de PSOE, BNG e AV e o voto en contra do Partido Popular.
No texto ínstase á Xunta de Galicia a convocar a comisión de seguimento do Plan de transporte metropolitano e a tomar as medidas correspondentes para que se respecten os acordos laborais co cadro de persoal, que leva de folga desde o pasado 15 de xullo.
A moción destaca que esta situación de folga laboral das traballadoras e traballadores da concesión de transporte urbano na cidade de Ferrol xurdiu como resposta á "deterioración cada vez máis avanzada tanto das condicións laborais dos traballadores e traballadoras como do propio servizo".
A estas protestas do persoal laboral súmanse as queixas de milleiros de persoas usuarias, colectivos e traballadores dende a instauración do último plan de transporte de Galicia. En concreto, na comarca de Ferrolterra estase a xerar unha situación na que "as deficiencias e carencia de servizos e frecuencias da concesión xestionada pola Xunta de Galicia son constantes, comprometendo a viabilidade e utilidade deste servizo", afirma o texto aprobado polo pleno.
Cómpre indicar que o transporte no concello de Ferrol está delegado na Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, que emprega esta concesión para prestar este servizo ao resto de concellos da comarca e do cal é "directamente responsable". A moción lembra "a falta de resposta tanto por parte da Xunta de Galicia como do concello de Ferrol diante desta problemática e as súas consecuencias", que sinala como "inadmisible".
Neste senso, ínstase o executivo galego a poñer en marcha a comisión de seguimento do Plan de transporte metropolitano, para deste xeito "analizar as consecuencias para na prestación do servizo da folga, detraer a empresa as cantidades polo servizo non prestado e demandar da empresa o cumprimento dos acordos laborais acadados coa representación dos traballadores e traballadoras". Asemade, reitérase a esixencia do cumprimento do convenio colectivo do persoal e a súa aplicación á totalidade dos e das traballadoras.