Estás en:Novas

A serigrafía A la deriva II, do santiagués José Andrés Santiago, gaña o XIX Premio Jesús Núñez de Arte Gráfica

O xurado do certame, convocado polo departamento de Cultura da Deputación, decidiu conceder senllos accésits ás obras Nómadas en el país de las tentaciones, do onubense Manuel Moreno Morales, e S/T (at lunchtime), da xironesa Claudia Regueiro Puigdevall

A serigrafía A la deriva II, do santiagués José Andrés Santiago, gaña o XIX Premio Jesús Núñez de Arte Gráfica

A serigrafía A la deriva II, de José Andrés Santiago (Santiago de Compostela, 1981) é a gañadora do XIX Premio Internacional Jesús Núñez de Arte Gráfica, convocado polo departamento de Cultura da Deputación da Coruña. A obra formará parte dunha exposición que acollerá a Fundación CIEC e o vencedor recibirá, ademais, un premio en metálico de 6.500 euros. O xurado decidiu conceder dous accésits: a Nómadas en el país de las tentaciones, de Manuel Moreno Morales (Ayamonte, 1972), e a S/T (at lunchtime), de Claudia Regueiro Puigdevall (Olot, 1994); a ambos correspóndelles unha bolsa de matrícula nun módulo do Máster de Obra Gráfica impartido pola Fundación CIEC.

A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu un xurado que formaron Nuria Blanco, María Rosario Sarmiento, Juan Carlos Escudero, Francisco Aguilar e Susana Murias. Como secretaria actuou Manuela Muñiz, xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes.

Para o comité avaliador, da obra gañadora destaca "a parte conceptual e complexa, combinada coa sutileza da imaxe e da cor, ao mesmo tempo que o autor fornécelle tridimensionalidade e mobilidade á peza, sen esquecer a poética e a perfecta execución".

José Andrés Santiago
Artista plástico, profesor doutor da Universidade de Vigo, especializado en manga e gráfica de campo expandido,
é membro da Asociación de Críticos e Divulgadores de Cómic de España, foi tamén bolseiro do prestixioso programa da Japan Foundation's Japanese Studies Program e investigador posdoutoral convidado na Escola de Estudos de Posgrao da Facultade de Manga (Kyoto Seika University, Xapón). Autor dos libros "Manga. Del cuadro Flotante a la Viñeta Japonesa" (2010) e "A Ding in Japan" (2008), ambos os dous publicados pola editorial Comanegra, foi ademais coordinador da guía "Japón para Otakus" (Diábolo Ediciones, 2018) e editor de "Anime Studies: Media-Specific Approaches to Neon Genesis Evangelion" (2021), un volume 'open-access' publicado por Stockholm University Press. Conta cun centenar de exposicións, individuais e colectivas, en galerías e centros de arte, e foi seleccionado e premiado en diversos certames nacionais e internacionais, entre os que se atopan o Festival Internacional de la Imagen (FINI) de México (2015, 2016), o Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo (2009, 2011, 2013, 2017), a Bienal Iberoamericana de Obra Gráfica Ciudad de Cáceres (2011) ou o Certamen de Arte Gráfico para Jóvenes Creadores de la Calcografía Nacional (2007, 2008, 2009, 2010).