Estás en:Novas

A primeira edición da Carreira Camiños da Vía Verde mestura este sábado deporte e promoción dunha infraestrutura que inicia “un percorrido apaixonante”

O evento conta con cinco modalidades diferentes para todos os públicos e idades, incluída unha andaina popular de cinco quilómetros, con saídas desde Oroso e Ordes

Xa hai máis de 750 persoas inscritas e o prazo aínda remata a noite deste mércores

"Trátase de que a xente coñeza máis e mellor este espazo e se converta en embaixadora. Aínda á moita marxe para que a Vía Verde adquira repercusión entre a poboación", destacou Antonio Leira, deputado de Deportes, durante a presentación da proba

A primeira edición da Carreira Camiños da Vía Verde mestura este sábado deporte e promoción dunha infraestrutura que inicia “un percorrido apaixonante”

A sede da Deputación da Coruña acolleu esta mañá a presentación da primeira edición da Carreira Camiños Vía Verde. O evento, previsto para a tarde deste sábado 19 de outubro, desenvolverase a partir de catro modalidades competitivas de diferentes distancias e categorías, ademais dunha andaina popular de cinco quilómetros.

O deputado delegado da Vía Verde e responsable de Deportes, Antonio Leira, exerceu de anfitrión da presentación, na que estivo presente a secretaria xeral da Federación Galega de Atletismo, Yolanda González. Tamén asistiron os rexedores dos concellos de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez; de Ordes, Juan Luís Martínez; de Oroso, Álex Doval; e de Tordoia, Antonio Pereiro.

Durante o acto, Leira recoñeceu que este era un día "importante" xa que permite "continuar coa promoción da vía, que é obxectivo común" das institucións. "Damos un novo paso con esta carreira, que agardamos que sexa a primeira de moitas. Estamos no inicio dun percorrido apaixonante, xa que ademais de ser un evento competitivo, pretendemos que fomente o ocio e amose as excelencias desta infraestrutura, que son moitas e moi boas", engadiu Leira.

O deputado destacou que se trata dun evento "apto para todos os públicos, non só para os habituais das carreiras populares" no que colabora o Club Atletismo Tambre. Precisamente por ese xeito de ser, medran as posibilidades de que "a xente coñeza máis e mellor esta Vía Verde e se converta en embaixadora dela". "Aínda hai moito marxe para que a Vía adquira repercusión entre a poboación", destacou.

Pola súa banda, Álex Doval, que exerceu como presidente da Asociación de Concellos da Vía Verde, apuntou que esta carreira trátase dun evento "moi demandado para todos os públicos". "O entorno é excepcional", recalcou. Mentres, Yolanda González agradeceu a implicación dos concellos e da Deputación no apoio a esta e ao resto de carreiras, "que cada vez son máis". "Esta ten especial interese, porque dá cabida a todas as persoas e a paraxe é moi, moi bonita", especificou.

Máis de 750 persoas inscritas

A falta de máis de 48 horas para o peche do prazo de anotación, a primeira edición desta Carreira Camiños da Vía Verde conta xa con máis de 750 persoas inscritas nas diferentes modalidades. "É un dato sorprendente e que nos contenta. Nos últimos días é cando máis se anota a xente, así que a ver se podemos acadar o milleiro de inscricións. É un reto moi importante, pero sería un triunfo magnífico", explicou Antonio Leira.

As persoas interesadas en anotarse poden facelo a través da páxina web Carreiras Galegas (https://www.carreirasgalegas.com/events/i-carreira-camios-da-va-verde-deputacin-da-corua/yalqGP90) ata o mércores 16 ás 23:59 horas. A participación é gratuíta e, en función da esixencia e da idade, existen diferentes alternativas.

Así, na carreira de 10 quilómetros poden participar os e as deportistas nacidos e nacidas desde o 2008 cara atrás. A proba partirá ás 17:30 horas da Zona de Os Mallos, en Oroso, unha vez pasada a Estación do tren de Oroso-Vilacide. A meta está situada na Antiga estación de A Pontraga, no municipio de Ordes.

Mentres, as probas de dous quilómetros, un quilómetro e 400 metros están destinadas a rapaces e rapazas menores de 16 anos. Todas estas modalidades realizaranse na estación de A Pontraga. Por último, a andaina comezará ás 16:45 horas na Estación de Transmonte, un punto do percorrido característico e contará con traslado en autobús desde a meta.

Unha Vía Verde con máis de 28.000 persoas

A primeira edición desta Carreira Camiños da Vía Verde – Deputación da Coruña servirá para celebrar os dous anos que cumpre esta infraestrutura e potenciar a súa difusión. No pasado 2023 foron unhas 28.000 as persoas que percorreron esta senda a pé ou en bicicleta. A cifra é valorada como moi positiva por parte do deputado delegado da Vía, Antonio Leira, pero a intención é superala neste 2024 no que se lle deu un pulo á súa promoción na sociedade.