Estás en:Novas

A Deputación e Fademur conmemoran este sábado en Sobrado o Día Internacional das Mulleres Rurais

Máis de 400 mulleres dos concellos rurais da provincia participarán no acto, que ás portas do 25N terá como temática central a problemática da violencia de xénero no rural

Durante a xornada haberá un recoñecemento á traxectoria de catro mulleres que destacan en distintos eidos no ámbito rural

A Deputación e Fademur conmemoran este sábado en Sobrado o Día Internacional das Mulleres Rurais

FOTO (ARQUIVO): Acto do Día das Mulleres Rurais en Santiago de Compostela

A Deputación da Coruña e Fademur Galicia reunirán este sábado, 23 de novembro, a partir das 11.00 horas, en Sobrado dos Monxes a máis de 400 mulleres dos concellos rurais da provincia para celebrar o Día Internacional da Muller Rural, nunha xornada que, ás portas do 25N terá como tema central a problemática específica na violencia de xénero no eido rural.

O acto celebrarase no Mosteiro de Sobrado e será inaugurado polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde de Sobrado, Lisardo Santos, a presidenta de Fademur Galicia, Verónica Marcos, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García e o prior do Mosteiro de Sobrado, Carlos Gutiérrez.

A xornada terá como tema central "As mulleres do rural fronte á violencia de xénero", unha temática que se abordará nunha mesa redonda na que participarán Carlos Ferrás Sexto, catedrático de Xeografía Humana da USC, Ana Cobo, psicóloga especialista en educación familiar e responsable do CIM de Ferrol, Paz Fligueira, maxistrada, e Yolanda García, profesora de Traballo Social da Uvigo e especialista en violencia de xénero. A mesa estará moderada por Rosa Arcos Caamaño.

Recoñecementos a mulleres do mundo rural

Como cada ano, durante o acto realizarase tamén un recoñecemento a mulleres, entidades e empresas do mundo rural que destacan polo seu compromiso coa igualdade no mundo rural e a súa aposta pola cultura, a innovación ou a posta en valor dos produtos autóctonos.

A xornada será clausurada pola presidenta de Fademur España, Teresa López, e a presidenta da Asociación de Mulleres Rurais "A Maristela" de Sobrado, María Ángeles Sánchez Arias.