Estás en:Novas

A cidade da Coruña acolleu a segunda xornada do Circuíto de Atletismo en Pista da Deputación, con máis de 100 atletas participantes

A cidade da Coruña acolleu a segunda xornada do Circuíto de Atletismo en Pista da Deputación, con máis de 100 atletas participantes

A II edición do Circuíto de Atletismo en Pista Deputación da Coruña continuou este sábado coa súa segunda xornada, que se celebrou nas pistas de atletismo da UDC no Campus Universitario de Elviña. Arredor dun centenar de atletas menores de 14 anos, procedentes de clubs de toda a provincia, demostraron o seu talento e compromiso deportivo nas diferentes probas organizadas en categorías sub-10, sub-12 e sub-14.

O deputado de Deportes, Antonio Leira, asistiu ao evento e destacou o éxito da convocatoria, subliñando que este circuíto é unha iniciativa clave para fomentar o atletismo base e ofrecer novas oportunidades á mocidade para participar en competicións oficiais. "É un orgullo ver tanto talento e ilusión nas nosas pistas, o que reflicte o bo traballo dos clubs e das familias que apoian este deporte. Este circuíto non só é unha competición, senón unha forma de reforzar os valores deportivos", afirmou.

Os participantes competiron en probas de velocidade, fondo, salto e lanzamento, entre outras disciplinas, nun ambiente marcado pola camaradería e o esforzo. Técnicos da Federación Galega de Atletismo (FGA) supervisaron todas as competicións, garantindo o cumprimento das normativas e a seguridade dos atletas.

Os tres primeiros clasificados de cada categoría e modalidade recibiron trofeos como recoñecemento ao seu rendemento, destacando as boas marcas acadadas en varias probas.

A seguinte e última cita deste Circuíto Deputación da Coruña terá lugar en Ferrol o próximo 15 de decembro, onde se espera unha nova xornada de deporte e convivencia.