Expertos de toda España debaten en Mariñán sobre os retos da a seguridade viaria
As administracións destacan a necesidade de redobrar esforzos no ámbito da seguridade viaria, tras as 36 vítimas mortais rexistradas nas estradas da provincia este ano
O Pazo de Mariñán acolle hoxe xoves e mañá venres unhas xornadas para abordar os desafíos da mobilidade sostible e a evolución tecnolóxica na seguridade viaria e na asistencia ás vítimas. O foro está organizado coa colaboración da Deputación da Coruña, STOP Accidentes, o Ministerio Fiscal e a USC.
Na inauguración participaron o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o director do Instituto de Criminoloxía da USC, Gumersindo Guinarte; María Rivas, subdelegada do Goberno na Coruña e Jeanne Picard, presidenta de STOP Accidentes.
Segundo destacou o presidente da Deputación a provincia da Coruña "conta con máis de 7.400 quilómetros de estradas, dos que máis de 2.000 quilómetros (un 30%) son estradas da Deputación, que soportan a circulación de 500.000 vehículos ao día".
Formoso sinalou que no último ano a sinistralidade aumentou, cun total de 36 vítimas mortais ata mediados de novembro nas estradas da provincia, 14 máis que o ano anterior, un dato que cualificou de "inaceptable" e que "evidencia a necesidade de redobrar esforzos neste ámbito".
Neste sentido, destacou que detrás de cada unha das vítimas "hai un drama humano, familiar e social", un aspecto no que tamén incidiu a presidenta de Stop Accidentes, Jeanne Picard, que subliñou que as mortes por accidentes de tráfico "son unha traxedia humana e un problema de saúde pública" nas que as vítimas se atopan moitas veces desamparadas e agradeceu especialmente a presenza no acto de expertos chegados de Valencia "cos que nos solidarizamos na súa dor" tras a catástrofe sufrida coa DANA.
Detrás dos accidentes, o factor humano pesa moito (entre o 70 e o 90%, segundo datos da OMS), pero o segundo factor é o deseño, conservación e mantemento da rede de estradas.
Para afrontar estes retos, a Deputación inviste cada ano máis de 30 millóns de euros en obras de mellora e conservación da rede viaria provincial e está poñendo en marcha o seu primeiro Plan Estratéxico de Estradas 2024-2029, que permitirá priorizar investimentos, reforzar a seguridade peonil, incorporar tecnoloxías innovadoras e fomentar unha mobilidade máis sostible e respectuosa co medio.
As xornadas tamén abordarán aspectos como a axilización da xustiza en casos de sinistralidade viaria e a adaptación a novas realidades como os vehículos de mobilidade persoal (patinetes eléctricos) ou os límites de alcoholemia máis estritos que se implantarán en España.
Con este evento, a Deputación da Coruña reafirma o seu compromiso coa seguridade viaria e coa mellora das condicións da rede provincial de estradas, incidindo na importancia de traballar en colaboración con diferentes institucións e profesionais para reducir a sinistralidade e mellorar a mobilidade.