A Deputación entrega unha furgoneta e unha embarcación ao Club Marítimo O Puntal de Oza
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado de Deportes, Antonio Leira Piñeiro, participaron este xoves na dársena de Oza (A Coruña) na entrega aos responsables do Club Marítimo O Puntal dunha nova furgoneta Peugeot Traveller multipraza dotada con remolque para o traslado de embarcacións e dunha embarcación semirríxida SC-545.
O material está financiado polas liñas de subvencións da Deputación para entidades deportivas, que contan cun orzamento de máis de 4 millóns de euros e chegan a 570 asociacións e entidade do mundo do deporte na provincia.
Formoso foi recibido polo presidente do club, Ángel Rodríguez Garrido, e o vicepresidente e comodoro, Juan Carlos Rodríguez, que agradeceron o apoio da Deputación para dotarse deste novo vehículo e embarcación, que axudarán a manter a súa actividade de promoción da vela e os deportes náuticos.
Pola súa banda, o presidente da Deputación destacou os máis de 50 anos do Club O Puntal de Oza achegando a vela e os deportes náuticos aos seus máis de 800 socios e á veciñanza coruñesa, facendo especial énfase na promoción do deporte de base, con actividades polas que pasaron miles de escolares nos últimos anos.
A entidade entregou ao presidente a súa insignia de ouro en recoñecemento ao apoio da Deputación ao club e ao deporte náutico.