A Deputación colabora con Cáritas en proxectos de inserción laboral e apoio socioeducativo a menores en situación de risco social
Formoso visitou hoxe a sede da rúa Violetas da Coruña para interesarse polos programas sociais que desenvolve a entidade coa colaboración da institución provincial
A entidade demanda colaboración das administracións para efectuar melloras no seu centro da rúa Violetas, no coruñés Barrio das Flores
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou hoxe o gran traballo que desenvolve Cáritas no ámbito da inserción laboral e apoio ás persoas máis desfavorecidas.
O presidente da Deputación visitou hoxe a sede de Cáritas na rúa Violetas da Coruña, onde foi recibido pola directora da entidade, Pilar Farjas, a directora interparroquial, Dolores Ribas e o responsable do Centro de Formación, Luís Sangiao, que explicaron polo miúdo ao presidente os distintos programas que desde hai décadas desenvolve a sede coruñesa de Cáritas no ámbito social.
"Un gran traballo que contribúe a mellorar a vida de moitas persoas en situacións especialmente vulnerables e do que nos sentimos orgullosos de poder colaborar dende a Deputación da Coruña", afirmou Formoso, que se interesou pola demanda e desenvolvemento dos programas que financia a Deputación a través das liñas de subvencións para entidades sociais e polas necesidades que detecta Cáritas para novas iniciativas no ámbito social.
En concreto, a Deputación da Coruña financia este ano con 30.700 euros dous programas sociais de Cáritas. O primeiro deles, o proxecto Integra-TIC-Itinera está orientado ao desenvolvemento de itinerarios personalizados de inclusión sociolaboral e este ano atendeu a 1.523 persoas, realizando máis de 4.000 atencións entre orientacións, derivacións a ofertas de emprego, formacións e obradoiros de capacitación laboral, parte deles destinados á adquisición de competencias dixitais básicas, fundamentais para a inserción laboral.
O segundo proxecto que conta co apoio económico da Deputación e o Espazo Agarimo, un espazo de atención psicoeducativa dirixida a menores en situación de especial vulnerabilidade ou risco social desde o que se ofrecen os recursos para romper o ciclo da pobreza na infancia e adolescencia. Conta con programas de reforzo educativo e orientación académica co obxectivo de reducir o abandono escolar temperán, programas de apoio socioeducativo e de intervención familiar.
Os responsables de Cáritas reclamaron a colaboración das administracións para distintas melloras estruturais que precisa o edificio no que se atopa súa sede en canto a filtracións de auga e defectos no illamento.
"A Deputación vai estar aí, temos que estar a altura das circunstancias e espero que as outras administracións tamén e que o vindeiro ano poidamos vir aquí a visitar un local en condicións dignas para os usuarios e os traballadores e voluntarios de Cáritas", afirmou o presidente provincial.