A Deputación da Coruña edita “Miradas a Compostela”, unha viaxe aos enclaves máis emblemáticos do casco histórico de Santiago
O libro, con ilustracións de José Manuel Yáñez e textos de Alfredo Vigo Trasancos, foi presentado esta tarde no Museo do Pobo Galego
O Museo do Pobo Galego acolleu esta tarde a presentación do libro Miradas a Compostela, editado pola Deputación da Coruña. Unha obra que ofrece unha nova perspectiva sobre o patrimonio histórico e artístico de Santiago de Compostela. Este traballo, realizado por José Manuel Yáñez e Alfredo Vigo Trasancos, combina o talento artístico coa contextualización histórica de cada un dos enclaves seleccionados.
A publicación reúne 61 debuxos de espazos emblemáticos do centro histórico de Compostela realizados por José Manuel Yáñez, acompañados das descricións e análises de Alfredo Vigo. Entre os enclaves representados destacan as Prazas do Obradoiro, da Quintana e de Fonseca, así como outros elementos do patrimonio compostelán como o convento de Belvís, San Martiño Pinario ou a Real Colexiata do Sar. Os debuxos, caracterizados pola ausencia de figuras humanas, destacan a monumentalidade e a beleza atemporal dos espazos.
José Manuel Yáñez, arquitecto técnico, enxeñeiro de edificación e doutor en Historia da Arte, conta cunha longa traxectoria como experto en patrimonio e é autor de 16 libros de debuxo sobre arquitectura histórica. Pola súa banda, Alfredo Vigo Trasancos, catedrático de Historia da Arte da USC e membro da Real Academia de Bellas Artes, achega a esta obra unha visión rigorosa e profunda sobre o contexto histórico e artístico de cada enclave.
No acto de presentación participaron a deputada provincial Mar García Vidal, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, o profesor da USC e prologuista do libro, Jesús Ángel Sánchez García, a presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada Vázquez, e os autores da obra.
Mar García destacou que Miradas a Compostela é unha invitación a redescubrir algún dos enclaves máis emblemáticos da nosa querida Compostela, unha cidade que forma parte da vida de moitos de nós e que é patrimonio non só de Galicia, senón do mundo enteiro". Ademais, sinalou a importancia de preservar e divulgar o patrimonio como un legado que enriquece a identidade de Galicia e reforza o compromiso da Deputación coa conservación e posta en valor dos nosos recursos culturais.
A deputada destacou tamén o excelente traballo da Imprenta da Deputación para a edición da obra, "unha mirada mirada sensible e reflexiva que captura a esencia da cidade e a súa historia".