Estás en:Novas

A Deputación e Pedralonga Estudios asinan o contrato para a xestión de Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o maior plató virtual de España

Valentín González Formoso destacou que a firma do contrato de xestión "é a guinda dun proxecto que aterra unha ilusión que agora vai significar unha realidade audiovisual moi distinta en Galicia e en España"

O presidente do Clúster Audiovisual Galego, Alfonso Blanco, destacou a "marabillosa resposta da Deputación" e o "complexo traballo administrativo en tempo récord" para comezar a contar co CEI, que coloca ao sector "nunha posición punteira tamén en infraestruturas"

A infraestrutura será inaugurada no mes de febreiro e acollerá de xeito inmediato unha formación para que os profesionais do sector adquiran as competencias necesarias para traballar coa súa tecnoloxía

A Deputación e Pedralonga Estudios asinan o contrato para a xestión de Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o maior plató virtual de España

A Deputación da Coruña e Pedralonga Estudios asinaron esta mañá o contrato para a xestión de Coruña Estudo Inmersivo (CEI), aprobada no pleno do pasado 27 de decembro. Coa firma deste documento, a sociedade será a encargada da xestión e explotación do centro de produción virtual VPxR, promovido pola Deputación da Coruña no marco do proxecto "Ecosistema Dixital do Sector Audiovisual de Galicia (EDAGA) – Coruña Estudio Inmersivo (CEI)", por un período de 20 anos prorrogables por outros 5 anos máis. Con esta sinatura que se pon fin ao proceso administrativo da posta en marcha da infraestrutura, que será inaugurada durante o mes de febreiro e comezará de xeito inmediato a ser sede dunha formación específica para traballar coa súa tecnoloxía.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e os responsables de Pedralonga, Francisco De Borja Pena e Jesús Manuel López, foron os encargados de poñer a firma a este contrato que, como destacou o titular do goberno provincial, "é a guinda dun proxecto que aterra unha ilusión". "No seu día, o Clúster propuxo a iniciativa a esta casa e nós fomos quen de apadriñalo económica e administrativamente. Esa maridaxe entre ilusión e realidade administrativa sae adiante se un se empeña en que saia", engadiu.

Formoso lembrou que o novo CEI "vai significar unha realidade audiovisual moi distinta en Galicia e en España". "Ofertamos ao sector unha ferramenta única en España e que lle vai permitir competir a nivel global en todas as plataformas audiovisuais que operan no mercado", apuntou antes de recoñecer a "complexidade" do proceso e agradecer a implicación "do persoal funcionario da Deputación e de todas as forzas políticas", así como "o asesoramento do sector audiovisual a través do Clúster". "Todo isto permitiu que esta realidade se poña en marcha e permita que o talento que xa agroma en Galicia tamén se comercialice, que se impulse dun xeito moi superior", finalizou.

Tamén estivo presente no acto de firma o presidente do Clúster Audiovisual Galego, Alfonso Blanco, que quixo agradecer á Deputación da Coruña a súa resposta ante a posibilidade de poñer en marcha este proxecto. "Foi unha marabilla", asegurou Blanco, para quen o CEI "é o exemplo máis sobresaínte a nivel de colaboración público-privada non só en Galicia, senón a nivel de España, co engadido de que é o propio sector o que queda coa xestión".

Blanco tamén puxo énfase na complexidade do labor para solucionar "procesos administrativos tan complexos tan só nun ano e medio, un tempo récord" e recoñeceu que o sector está "moi feliz de contar cunha infraestrutura punteira a nivel España e Europa". "De golpe, de estar á cola das infraestruturas en España nos coloca a estar punteiros" para así, eliminar o desequilibrio entre a creatividade e os recursos existente ata o de agora e "xerar máis postos de traballo".

O presidente do Clúster apuntou que co Coruña Estudio Inmersivo, A Coruña e a provincia afianzan a súa posición como lugares onde "apetece vir rodar" como demostran produtoras como Portocabo ou Vaca Films: "Antes tiñamos que saír fóra e agora temos esta infraestrutura aquí, ao lado da casa. Esa é outra vantaxe, porque está no centro dunha cidade moi aspiracional como é A Coruña".

Unha formación de mes e medio e proxectos 'cociñándose'

Unha vez pechado o proceso administrativo, o CEI comezará a acoller de xeito inmediato unha formación impartida por especialistas na tecnoloxía virtual para que os profesionais autóctonos do sector aprendan a manexar as posibilidades da nova infraestrutura. "Da man da Deputación imos empezar xa cun plan formativo. Teremos aquí aos mellores profesionais de España e de Europa. Iso durará, como mínimo, un mes e medio. Estamos a falar dunha tecnoloxía moi complexa que precisa de formación específica para os nosos profesionais, que os hai moi bos pero non coñecen esta ferramenta", explicou Blanco.

"Unha vez esta formación remate, teremos persoal de abondo para acometer este reto. Ao día seguinte, estaremos abrindo a porta do CEI, que en termos técnicos xa está rematado. Tan só cos socios promotores xa teríamos contido para comezar a utilizalo, pero xa hai un par de proxectos que aínda non podo mencionar. Temos peticións de fóra porque é unha infraestrutura moi potente que tamén pode acoller publicidade, videoxogos... hai un rango de potenciais clientes moi grande e aspiramos a que tamén veñan rodaxes internacionais, claro", especificou o presidente do Clúster Audiovisual Galego, que conforma Pedralonga Estudios, S.L. xunto coa Universidade da Coruña e Portocabo, Vaca Films, Tex45 Produccións, Voz Audiovisual, Congo Producciones, Zénit Televisión, Producciones Audiovisuales Sete Media, Undodez, Avendaño Estudio e Centro de Estudios Marcote.

O Coruña de Estudio Inmersivo, o maior estudio de produción audiovisual virtual de España que entrará en funcionamento a principios de 2025, supón un investimento de preto de 9 millóns de euros, cofinanciados entre a Deputación e o Goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, para dotar á Coruña dun plató virtual dotado da tecnoloxía máis innovadora, proporcionada por Telefónica.