A Deputación da Coruña inicia 2025 cun investimento récord de 18,5 millóns de euros nos concellos da comarca da Coruña
Os concellos da zona reciben este ano un 72% máis de fondos na primeira achega do Plan Único
O presidente, Valentín González Formoso e a deputada de plans Cristina García presentaron hoxe en Sada o balance do POS+ nos concellos da comarca, onde se financiaron 815 obras e ser investiron 148,5 millóns de euros
A Deputación da Coruña inicia o ano cun investimento histórico nos concellos da comarca da Coruña e As Mariñas a través do Plan Único (POS+2025), que destina 18.445.191,49 euros á zona. Esta cifra supón un incremento do 72% respecto ao orzamento inicial do ano pasado, converténdose no maior investimento inicial desde a creación do plan en 2017.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, xunto á deputada de Plans, Cristina García Rey, visitou esta mañá o Concello de Sada, onde foron recibidos polo alcalde, Benito Portela, para presentar o balance do POS+ nos concellos da comarca. Desde a súa posta en marcha, o Plan Único leva mobilizados 148,5 millóns de euros nos municipios da área coruñesa, permitindo financiar 815 obras e numerosos servizos públicos e programas sociais.
Durante o acto, Formoso destacou que "estamos ante o Plan Único co maior orzamento inicial da historia da Deputación", subliñando a súa importancia para que os concellos, independentemente do seu tamaño, poidan executar proxectos clave en infraestruturas, servizos municipais e benestar social. "Falamos de escolas infantís, servizo de axuda no fogar para maiores, novos espazos culturais e deportivos, así como a mellora de rúas e espazos públicos", sinalou.
O presidente tamén puxo o foco no contexto actual de incremento de custos nos servizos básicos municipais, advertindo da falta de apoio por parte da Xunta de Galicia e do problema económico que supón para as administracións locais seguir asumindo competencias autonómicas sen dotalas antes dun financiamento adecuado. "Mentres o Fondo Galego de Cooperación Local da Xunta destinou 116 millóns aos 313 concellos de toda Galicia, a Deputación investiu máis de 100 millóns só nos municipios coruñeses. Este 2025, a Deputación investirá máis nos concellos da provincia Coruña que a Xunta en toda Galicia", afirmou.
Pola súa banda, a deputada de Plans Provinciais, Cristina Rey García, sinalou que o Plan Único é "esencial para os concellos da provincia" pois "nalgúns casos pode supoñer ata o 25% do seu orzamento". A deputada recalcou ademais que esta ferramenta permítelles "xestionar os fondos da Deputación cunha maior eficiencia e con total autonomía en función das súas circunstancias".
"Este plan, ademais de contribuír á mellora da calidade de vida da veciñanza, promove un impacto socioeconómico moi positivo na contorna, a través da contratación de pequenas e medianas empresas de construción, enxeñería e outros sectores relacionados. Deste xeito crease un círculo que non so asegura a execución de obras necesarias, senón que tamén axuda a fortalecer o tecido empresarial local".
Mentres, o alcalde de Sada, Benito Portela, quixo aproveitar o acto para "agradecer todo o que fixo a Deputación nestes anos difíciles de inflación". "Poder destinar todas as cantidades dos POS para financiar gasto corrente, que sufriu un incremento notable para todos os concellos, permitiunos equilibrar as nosas contas e diminuír o período de pago a provedores", explicou Portela, para quen esa vía da Deputación "solucionou a vida a moitos dos concellos". "Se non fóra polo POS, quedaríannos moitas facturas sen pagar das que nos quedaron. Debemos recoñecer a importancia que ten no día a día dos concellos o financiamento da Deputación", finalizou.
Un financiamento sen precedentes para os concellos
Os 19 concellos das comarcas da Coruña e As Mariñas recibirán este ano unha achega histórica. Arteixo encabeza a listaxe con 2.144.067 euros, seguido de Oleiros (2.012.301 €), Culleredo (1.825.585 €) e Cambre (1.490.963 €). Sada, anfitrión do acto, contará con 1.049.146,60 euros. Betanzos, Carral, Curtis, Bergondo ou Oza-Cesuras tamén verán incrementadas as súas achegas para acometer proxectos estratéxicos en infraestruturas, servizos sociais e dinamización local.
O POS+2025 permitirá mellorar estradas, abastecemento e saneamento de auga, iluminación pública e equipamentos culturais e deportivos. Ademais, destínanse 7 millóns de euros en toda a provincia –1,5 millóns na comarca coruñesa– a reforzar programas sociais municipais para os colectivos máis vulnerables.
Un modelo de éxito recoñecido
Desde a súa creación en 2017, o Plan Único consolidouse como o maior programa de obras e servizos das deputacións galegas e un dos máis importantes do Estado. O modelo do POS+ simplifica a xestión administrativa e garante que os concellos poidan decidir con autonomía o destino dos fondos segundo as súas necesidades.
Sada é un exemplo do impacto positivo do Plan Único, con melloras en infraestruturas, servizos públicos e dinamización da actividade social e económica. Desde 2017, o municipio recibiu máis de 9 millóns de euros, que permitiron financiar un total de 59 obras e numerosos proxectos fundamentais para a veciñanza, entre eles a renovación do campo de fútbol municipal de Carnoedo, que hoxe visitaron o presidente da Deputación, a deputada e o alcalde de Sada.
O campo de fútbol de Carnoedo conta con novo terreo de xogo de herba artificial de última xeración adaptado para a práctica do fútbol 11 e fútbol 8 e sistema de rego automatizado. Supuxo un investimento de preto de medio millón de euros, dos que a Deputación achegou 202.000 €.
ACHEGAS DO PLAN ÚNICO POR MUNICIPIOS
CONCELLO | POS+2025 | TOTAL | NÚMERO DE OBRAS |
ABEGONDO | 944.267,79 € | 6.866.218,08 € | 61 |
ARANGA | 753.375,63 € | 5.747.882,63 € | 29 |
ARTEIXO | 2.144.067,09 € | 15.750.440,79 € | 26 |
BERGONDO | 699.600,77 € | 5.467.817,80 € | 25 |
BETANZOS | 859.457,13 € | 7.783.725,90 € | 52 |
CAMBRE | 1.490.963,77 € | 13.100.836,93 € | 68 |
CARRAL | 704.083,30 € | 6.005.491,73 € | 47 |
COIRÓS | 428.743,75 € | 3.267.713,42 € | 31 |
CORUÑA, A | 357.298,28 € | 3.502.832,15 € | 23 |
CULLEREDO | 1.825.585,01 € | 15.862.910,43 € | 63 |
CURTIS | 813.643,83 € | 6.493.384,63 € | 45 |
IRIXOA | 532.794,03 € | 4.546.263,75 € | 48 |
MIÑO | 671.304,84 € | 4.802.923,52 € | 18 |
OLEIROS | 2.012.301,00 € | 16.002.078,73 € | 48 |
OZA-CESURAS | 1.349.563,71 € | 10.235.771,98 € | 72 |
PADERNE | 502.409,63 € | 4.236.880,01 € | 30 |
SADA | 1.049.146,60 € | 9.098.076,46 € | 59 |
SOBRADO | 808.913,29 € | 5.841.057,58 € | 39 |
VILASANTAR | 497.672,04 € | 3.888.553,50 € | 31 |
TOTAIS | 18.445.191,49 € | 148.500.860,02 € | 815 |