Estás en:Novas

Formoso reclama ao secretario de Estado de Transportes axilizar os investimentos na liña ferroviaria Ferrol- A Coruña

O presidente da Deputación da Coruña reuniuse co secretario de Estado de Transportes, José Antonio Santano, para analizar a situación dos investimentos en infraestruturas na provincia

Formoso reclama ao secretario de Estado de Transportes axilizar os investimentos na liña ferroviaria Ferrol- A Coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse co secretario de Estado de Transportes y Movilidad, José Antonio Santano, que esta semana viaxou a Galicia para presentar no Pazo de Mariñán os últimos avances no Corredor Atlántico na comunidade ante representantes das distintas institucións e do empresariado galego.

Na reunión previa ao encontro, o presidente provincial analizou con Santano o estado dalgunhas das obras estratéxicas que o Ministerio de Transportes financia na provincia da Coruña, como a autovía Santiago-Lugo (A-54), que o vindeiro luns abrirá ao tráfico o novo tramo de 12 km que conecta Palas de Rei con Melide; o novo acceso ferroviario ao porto exterior de Punta Langosteira, cun investimento que ronda os 150 millóns de euros para afrontar unha gran obra que supón todo un reto técnico e que permitirá mover mercancías cunha intermodalidade tren-barco que o Goberno quere potenciar de cara ao futuro, ou a conexión de tren ao porto exterior de Ferrol, que avanza a bo ritmo e este mesmo ano podería estar executada ao 100%.

Formoso trasladou ao secretario de Estado a importancia de axilizar os investimentos para modernizar a liña ferroviaria Ferrol-A Coruña, electrificar a vía e garantir un trazado adecuado e tempos de conexión razoables entre ambas urbes, que permitan o tráfico tanto de pasaxeiros como de mercancías.

O presidente da Deputación destacou o compromiso do Goberno de España co Corredor Atlántico, con máis de 4.500 millóns de euros previstos en investimentos en Galicia ata 2030. Desta cantidade, 3.059 millóns corresponden a actuacións incluídas pola Unión Europea na rede básica, mentres que os 1.502 millóns restantes representan as actuacións contempladas na rede global, previstas ata o 2050 pero que o Goberno de España decidiu anticipar ao 2030.

"Estamos ante un investimento histórico que permitirá mellorar as nosas infraestruturas e conectividade e facer de Galicia un territorio máis competitivo a nivel económico e empresarial", afirmou o presidente, que agradeceu a Santano a elección de Mariñán para celebrar un acto que serviu tamén para compartir os puntos de vista dos representantes dos distintos sectores sociais e económicos de Galicia.