Estás en:Novas

Os Premios Youtubeiras+ distinguen a Exército Mekemeke, Sara Seco na categoría e a Prado Rúa

Youtubeiras é unha iniciativa que conta co apoio da Deputación da Coruña que celebrou a gala de entrega de premios este sábado no Pazo da Cultura de Narón

Rebelico Revista levou o Premio Rede, Luís do Río conseguiu o galardón á calidade lingüística e Galiactiva acadou o Premio Revelación. O Premio do Público recibiuno Orgullo Galego polo vídeo 'A revolución galega de 1846'
A deputada de Lingua, Soledad Agra, celebrou o "traballo" e o "compromiso" coa lingua da comunidade creadora de contidos en galego na Rede, ao tempo que puxo en valor iniciativas como o proxecto Youtubeiras que implican unha necesaria "unión, colaboración e forza común ao redor da lingua"

Os Premios Youtubeiras+ distinguen a Exército Mekemeke, Sara Seco na categoría e a Prado Rúa

Os Premios Youtubeiras+, unha iniciativa que conta co apoio da área de lingua da Deputación da Coruña, xa teñen gañadoras. O Pazo da Cultura de Narón acolleu a gala de entrega, que presentou Javi Sánchez e que contou coa actuación musical do grupo De Ninghures. Ao longo da gala, deuse a coñecer o fallo do xurado, que decidiu seis dos sete galardóns, así como tamén o Premio do Público, que determinou unha votación dixital na que participaron 5056 persoas. Exército Mekemeke fíxose co galardón na categoría de canle de YouTube e Sara Seco levou o galardón á canle de TikTok. Pola súa banda, Prado Rúa acadou o Premio á Creación de Contidos, Luís do Río recibiu o Premio á Calidade Lingüística, Rebelico Revista conquistou o Premio Rede e Galiactiva gañou o Premio Revelación. O vídeo A revolución galega de 1846, da canle Orgullo Galego, logrou o Premio do Público. Os galardóns contan cunha dotación económica total de 7500 euros, repartidos da seguinte maneira: as categorías Canle de Youtube e Canle de TikTok están dotados con 1250 euros, mentres que no resto de categorías as canles persoas premiadas levan 1000 euros.

ACTA DO XURADO
O xurado, conformado por Andrea Villa, xornalista; Carlos Callón, profesor e escritor; Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense; Sara Varela, guionista, e Iago Gordillo, realizador audiovisual e gañador do Premio Youtubeira 2023, xustificou na acta a súa decisión nos seguinte termos:

Exército Mekemeke recibe o premio na categoría de canle de YouTube "pola coidada estética empregada, a calidade técnica, a periodicidade das publicacións e a súa transversalidade". Sara Seco acada o premio na categoría de Canle de TikTok "pola súa constancia e regularidade, polo seu compromiso en moi diferentes causas (entre elas a da lingua) e polo establecemento dun "amplo abano de colaboracións". Prado Rúa faise co Premio á Creación de Contidos "pola súa versatilidade e pola súa repercusión, así como polo seu contido, entre o cal destaca o específico para a recuperación de palabras galegas".

O Premio Revelación foi para Galiactiva, canle da que o xurado destacou "o uso e a introdución da lingua galega nun ámbito en que aínda ten escasa presenza, mais de importancia social crecente, e pola promoción de hábitos saudables". Luís do Río recibiu o premio na categoría de Calidade lingüística polo seu "coidado no uso da lingua oral en todos os niveis" e a súa aposta pola "revitalización ou a recuperación léxica ao servizo dun meritorio didactismo".

Rebelico Revista acadou o premio na categoría Rede pola "capacidade de convencer ou trasladar unha comunidade real ao mundo virtual" e pola "retroalimentación e a expansión amosadas". O xurado ademais validou o voto emitido pola comunidade, que decidiu entregarlle o Premio do Público ao vídeo A revolución galega de 1846, da canle Orgullo Galego.
Finalmente, o xurado destacou en termos xerais "a calidade e a variedade das canles e propostas presentadas". Este ano aspiraron aos Premios Youtubeiras+ até as 89 canles, 49 de YouTube e 40 de TikTok, amais de 41 vídeos.

Durante a gala, a deputada de Lingua, Igualdade e Dereitos Civís, Soledad Agra, celebrou o "traballo" e o "compromiso" coa lingua da comunidade creadora de contidos en galego na Rede, ao tempo que puxo en valor iniciativas como o proxecto Youtubeiras que implican unha necesaria "unión, colaboración e forza común ao redor da lingua". Agra tamén salientou que todas as persoas participantes en Youtubeiras+ representan un camiño "de futuro" para o galego.