Formoso participou esta mañá na inauguración do novo tramo da A-54 entre Melide e Palas de Rei
O ministro de Transportes confirma que toda a autovía estará en servizo este ano
O presidente da Deputación asistiu tamén ao cale do túnel que dá acceso ao Porto exterior de Punta Langosteira
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asistiu esta mañá xunto ao ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, o delegado do Goberno en Galicia, e numerosas autoridades das provincias de Lugo e Pontevedra, ao acto de inauguración do novo tramo Palas de Rei-Melide da autovía Lugo-Santiago (A-54). O ministro de Transportes confirmou no acto que toda a autovía estará operativa en 2025.
Este novo tramo de 11,7 km, no que se investiron máis de 100 millóns de euros, conta con seis viadutos, destacando o do río Pambre, o máis longo da provincia de Lugo. A A-54 permitirá conectar Lugo e Santiago en 50 minutos, mellorando a seguridade viaria e impulsando a mobilidade sostible, cun respecto ambiental notable, especialmente na Serra do Careón. Ademais, implantáronse medidas para mellorar a circulación en Melide ata a finalización do último tramo cara Arzúa
Conexión ferroviaria a Punta Langosteira
Posteriormente, Formoso desprazouse ata A Coruña, onde xunto a numerosas autoridades locais, o ministro Óscar Puente asistiu ao cale do túnel prinicipal de acceso a ferroviario a Punta Langosteira. O túnel principal, de 3,7 km (o 55% do tramo total de 6,7 km), permitirá conectar o porto co Eixe Atlántico en 2027, prevéndose un movemento de máis de 600.000 toneladas anuais por tren.
O proxecto, cun investimento de 124,8 millóns de euros financiados por fondos Next Generation da UE, busca potenciar a actividade do porto a nivel nacional e internacional e mellorar a súa conectividade mediante unha nova terminal de mercancías.
Formoso destacou o importante avance nas infraestruturas galegas impulsado polo Ministerio de Transportes e subliñou o importante impulso que suporá a conexión ferroviaria do porto exterior da Coruña para impulsar a actividade do mesmo, promovendo a intermodalidade tren-barco, que permitirá mover máis de 600.000 toneladas ao ano.