Castelao. Ao principio foi a caricatura...
Ao longo do ano, a xeito de homenaxe, repasaremos vida e obra do "Guieiro", a través de diversos textos que custodiamos na Biblioteca Provincial.
Esta semana revisamos os seus primeiros anos, desde o nacemento en 1886 ata a segunda parte da década dos anos dez.
Esta segunda entrega pon o foco sobre unha das súas facetas mais populares: a de caricaturista. Que, por outra parte, tamén foi na que primeiro destacou o polifacético rianxeiro.

Os primeiros anos
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao nace en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886.
O seu pai, Mariano Rodríguez Dios, mariñeiro, emigrou á Arxentina, cando o pequeno Daniel contaba con a penas uns meses de vida.
En 1895 serían Castelao e súa nai, Xoaquina Castelao Gemme, os que se reúnan co pai na Arxentina. Alí residirán os cinco, contando coas dúas irmás que nacen na emigración (Xosefina e Teresa) ata o ano 1900, que regresan a Galicia.
O diñeiro que Mariano fixo en América axudará a millorar notábelmente a situación económica da familia, chegando a ser alcalde de Rianxo polo partido conservador, ao tempo que permitíu á familia a posibilidade de que Castelao estudase.
Castelao cursou o bacharelato de Artes e a carreira de Medicina en Santiago. Ambos feitos marcarán fondamente a personalidade e o futuro do xoven Daniel. O debuxo, porque a caricatura foi o seu primeiro vehículo de comunicación pública e, aínda que non exerceu como médico mais que de xeito intermitente, a súa estadía en Compostela permítelle entrar en contacto coa xuventude galeguista do momento.
Nun primeiro momento, Castelao identifícase totalmente coa súa faceta artística. El Barbero Municipal, Suevia, Alma Gallega ou A Nosa Terra, son algunhas das revistas ou xornais nas que Castelao colabora, e de onde tiramos as imaxes que acompañan este texto. Pero tamén participará cos seus debuxos e conferencias do grafismo do momento, ao longo de todo o estado.
Os seus traballos dos primeiros anos contaban xa cunha fonda crítica ás inxustizas, o caciquismo e a situación do pobo galego. El mesmo nos conta como escolle este medio de expresión para denuncias oa abusos: "diante das mágoas da terra asoballada, calquera humorista de boa cepa galega ten de convertirse en satírico ou ironista".
Este eido, o do humorismo gráfico, xa non o abandoará, a pesares de que vai desenvolver interesantes facetas que iremos debullando ao longo dos meses de todo este ano.
Dos seus discursos, destacamos dous en concreto desta primeira época que, aínda que breves, permiten recoller a concepción da obra de humor gráfico elaborada ata a data, e tamén observar, a través das súas verbas, o surxir dos alicerces da Arte Nova galega.
- Humorismo, dibuxo humorísteco, caricatura. Real Academia Galega, 1920. [FOL/6/19]
- Algo acerca de la caricatura. [BM/1401]
Colaboracións e publicacións dos primeiros anos que custodia a Biblioteca Provincial:
- El Barbero Municipal 17/07/1910, Revista, Rianxo [HM/718]
O 17 de xullo de 1910 sae do prelo en Rianxo El barbero municipal. Semanario humorístico de combate contra o caciquismo foi editado desde 1910 até 1914 e tiña o motivo de caricaturizar os liberais opositores, rianxeiros ou non. O xornal cubría o partido xudicial de Padrón, que comprendía os concellos de Dodro, Padrón, Rianxo, Rois e Teo. O equipo de redacción e edición estaba formado por Arcos Moldes, Castelao, Eduardo Dieste e Rey Baltar. A casa dos Dieste, que se comunica coa dos Rodríguez Castelao polo patio, converteuse en sede improvisada para moitas das reunións do grupo. Castelao foi o director administrativo e gráfico e realizaba as ilustracións e viñetas que acompañaban os textos críticos que eran escritos a xeito de poema. A súa sección Faladurías, escrita por Castelao e o propio Rey Baltar, estaba integramente en galego.*
- Suevia 01/01/1916, Revista, Buenos Aires [HM/803]
De periodicidade quincenal publicouse en Bos Aires dirixida polo pontevedrés Joaquín Pesqueira. Os contidos eran noticias de Galiza e sobre persoeiros galegos con abundantes críticas á situación social do país. Foron colaboradores da revista, Castelao, Murguía, Pondal, Brañas. Contiña numerosas caricaturas e debuxos de Castelao.*
- Alma Gallega 06/01/1917, Revista, La Habana [HM/793]
Alma Gallega, subtitulada Órgano radical de las aspiraciones de la Región, apareceu o 6 de xaneiro de 1917 cunha capa en que aparece unha alegoría coa figura de Concepción Arenal. Estaba dirixida por Luís E. Rey. Incluía poesía amatoria, temas da emigración e actividades do Centro Gallego. Publicou poemas de Salvador Rueda e José María Calveiro e traballos de temática diversa de Abdón Rodríguez Santos, Jesús Peynó Piñeiro, Constantino Horta, Alfonso Camín e Juan Joaquín Otero.
A revista foi favorable á acción do Centro Galego, e divulgou as súas actividades. Só saíron uns poucos números.*
- A Nosa Terra 04/08/1907, Xornal, A Coruña [HM/492]
A Nosa Terra foi un xornal en galego fundado e editado na Coruña, o 4 de agosto de 1907. Vinculado ao Rexionalismo galego, a través da organización política Solidaridad Gallega.
Entre 1916 e 1932 saíu, de novo á rúa, como expresión do ideario das Irmandades da Fala. Dirixida no comezo por Antor Villar Ponte e, logo, por Víctor Casas, a periodicidade d' A Nosa Terra abalou entre o mensual e o quincenal e a tiraxe acadou os 2000 exemplares contra 1917. A Nosa Terra, monolingüe galego, ensarillou política e cultura nunhas páxinas que sufriron persecución e censura durante a ditadura de Primo de Rivera. Coa chegada da II República, A Nosa Terra virou maiormente cara á información política e rematará, en 1932, mudado en voceiro do Partido Galeguista.
De entre a prensa nacionalista a cabeceira máis importante era A Nosa Terra (1916), que, nesta segunda etapa, será o órgao das Irmandades da Fala, escrita xa integramente en galego. O seu director foi Antón Vilar Ponte, quen deixará o cargo coincidindo practicamente coa escisión no seo do nacionalismo galego, na Asemblea de Monforte (1922). Desde aquí até o golpe de estado fascista a persoa clave foi Victor Casas, o seu derradeiro director e destacado dirixente do Partido Galeguista, asasinado o 12 de novembro de 1936. Na opinión de Margarida Ledo Andión, pretendía dirixirse, de xeito moi especial, á pequena burguesía ilustrada, como se pode comprobar nos chamamentos feitos aos anunciantes. A temática é variada, desde a política até cuestións relacionadas coa cultura e a educación, pasando por aspectos económicos, sociais e organizativos. Con todo, coas súas páxinas submetidas á censura militar desde maio de 1924, vese obrigada a baixar a súa periodicidade e renunciar ao seu carácter político até 1930. A problemática agraria ocupa un lugar destacado na publicación: deféndese a desaparición dos foros, os consumos e as rendas. Pídese a modernización de Galiza e a consecución dos seus dereitos políticos, desde un antilocalismo manifesto, ao entender a Galiza como nación. Loxicamente, a cultura foi un capítulo importante, prestando especial atención aos temas educativos. Nas súas páxinas publícanse normas ortográficas e sínteses xeográficas, reivindícanse Facultades de Ciencias ou Filosofía, promóvense as "Escolas do Insiño Galego", escríbese sobre arte, teatro, música, poesía, e mesmo fanse traducións e adaptacións de escritores como Tagore, Gorki, Ibsen ou Eça de Queiroz
N' A Nosa Terra colaboraron case todos os intelectuais galeguistas do primeiro terzo do século XX: Manuel Lugrís Freire, Roberto Blanco Torres, Ramón Cabanillas, Luís Amado Carballo, Ricardo Carballo Calero, Leandro Carré Alvarellos, Castelao, Evaristo Correa Calderón, Xosé Filgueira Valverde, Gonzalo López Abente, Antón Losada Diéguez, Manuel Antonio, Xaime Quintanilla, Luís Peña Novo, Luís Porteiro Garea, Aurelio Ribalta, Vicente Risco, Xoán Vicente Viqueira, Ramón Suárez Picallo, Xohán Antón Suárez Picallo.
O 17 de xullo de 1936 saíu o derradeiro número d' A Nosa Terra.*
*Tirado da Historia da literatura galega da Asociación Pedagóxica Galega