A área de dereitos civís da Deputación organiza en colaboración coa CRMH da Coruña e o IES Adormideras un roteiro da memoria
Participaron no roteiro un total de 58 alumnas e alumnos de 4º da ESO do IES de Adormideras
A deputada de dereitos civís, Soledad Agra, anunciou que este tipo de iniciativas vanse seguir realizando nos vindeiros meses e en diferentes zonas do territorio da Coruña
![A área de dereitos civís da Deputación organiza en colaboración coa CRMH da Coruña e o IES Adormideras un roteiro da memoria](/files/cache/705d88a48092fc00b41b7f198703bc5e_f69876.jpg)
A área de dereitos civís da Deputación, liderada pola deputada Soledad Agra, organizou en colaboración coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) e o IES Adormideras un roteiro da memoria; unha iniciativa do departamento de historia. Esta actividade contou con dúas charlas previas ao roteiro con Rubén Centeno, autor do traballo "A sociedade silenciada" sobre as fosas ocultas do franquismo no cemiterio de Santo Amaro na Coruña.
As actividades contaron tamén coa colaboración da AC Alexandre Bóveda, da asociación Asociación Veciñal Atochas-Monte Alto A Torre e tamén do Concello da Coruña.
Roteiro da memoria
O roteiro, que guiou Xurxo Souto , comezou ás 10:00 horas e fixo a súa primeira parada no Clube do Mar de Santo Amaro, onde se explicou a creación desa histórica sociedade coruñesa durante o período republicano .
A segunda parada da mañá realizouse no Memorial "xermolos de paz de liberdade" localizado na Avenida de Navarra, onde Carlos Babío en nome da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica explicou a razón da existencia dese monumento nese lugar e a importancia que ten lembrar e recoñecer ás vítimas do franquismo.
O grupo dirixiuse á seguinte parada na rúa que leva o nome dos irmáns da Lixivia, onde Luis Lamela, historiador e recoñecido investigador no campo da Memoria Histórica galega fixo un breve percorrido pola vida destes irmáns, varios deles fusilados no campo da Rata (como Bebel, xogador do Deportivo, France e Jaurés) ou fuxidos como o caso de Pepín, outro dos irmáns.
Uns metros máis adiante tivo lugar a seguinte parada, foi na na rúa dedicada ao mozo galeguista Pedro Galán Calvete vítima mortal tamén da represión franquista en 1936. María Xosé Bravo, presidenta da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, encargouse de facer unha lembranza da vida de Pedro Galán.
A seguinte parada foi nesa mesma rúa uns metros máis adiante onde existe unha vista privilexiada do antigo cárcere da Coruña, un lugar moi identificado coa memoria da represión franquista na Coruña. Nese lugar contouse coas intervencións de Camilo Pardo da Asociación Veciñal Atochas-Monte Alto-A Torre que fixo un percorrido sobre a historia do edificio e coa testemuña de Manuel Villares, membro da Xunta Directiva da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, preso político durante o franquismo, que narrou a súa experiencia como represaliado no cárcere da Coruña e a importancia de coñecer e non esquecer o que realmente aconteceu no pasado.
O percorrido finalizou no monumento aos fusilados, realizado por Isaac Díaz Pardo no Campo da Rata. Nes espazo de memoria dirixiuse á rapazada , Beatriz Gómez Amigo, historiadora, investigadora da memoria e primeira presidenta da CRMH que fixo unha intervención titulada "Historia dunha foto anónima". Para finalizar a xornada léronse uns textos de Uxío Carré Alvarellos e de Federico García Lorca.
De toda a xornada a Deputación anunciou que se vai publicar un vídeo e tamén un díptico en formato dixital para que quen queira poida realizar o roteiro.
Ademais, a deputada sinalou que "esta é unhas das primeiras iniciativas en torno á memoria histórica que imos celebrar en todo o territorio da provincia durante os próximos meses".