Remata a campaña de esquí da Deputación da Coruña, na que participaron 600 escolares da provincia
Nenos e nenas dos concellos de Tordoia, Trazo, Ordes, O Pino, Oroso, Touro, Ames, A Baña, Val do Dubra, Boqueixón, Santiago, Teo e Vedra participan na derradeira quenda deste ano na estación de Valgrande-Pajares (Asturias)

Un centenar de nenos e nenas dos concellos de Tordoia, Trazo, Ordes, O Pino, Oroso, Touro, Ames, A Baña, Val do Dubra, Boqueixón, Santiago, Teo e Vedra participan esta fin de semana na estación de esquí de Valgrande-Pajares (Asturias) na Campaña da Esquí da Deputación da Coruña.
Trátase da derradeira expedición á neve dentro da campaña provincial de 2025, na que participan mozos e mozas de 11 a 15 anos de idade. Con esta proposta, a Deputación pretende que a rapazada da provincia da Coruña poida iniciarse ou perfeccionar as súas habilidades no esquí con monitores profesionais, ao mesmo tempo que participan noutras iniciativas deportivas e culturais organizadas de xeito complementario.
O deputado de Deportes, Antonio Leira, viaxou a Asturias para acompañar aos rapaces nesta última quenda e destacou que 600 nenos e nenas de todos os concellos da provincia tiveron oportunidade de participar este ano na campaña da neve.