Estás en:Novas

A Deputación felicita a Fátima Ameneiro e Edgar Vigo, da escudería Scratch Fene, polos seus éxitos deportivos internacionais

Ameneiro, campioa da FIA European Rally Trophy, e Vigo, subcampión por segundo ano consecutivo, foron recibidos na Deputación polo presidente, Valentín González Formoso, e o deputado de Deportes, Antonio Leira.

A Deputación felicita a Fátima Ameneiro e Edgar Vigo, da escudería Scratch Fene, polos seus éxitos deportivos internacionais

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado de Deportes, Antonio Leira, recibiron esta mañá na sede da institución provincial a Fátima Ameneiro e Edgar Vigo, da escudería Scratch de Fene.

Fátima Ameneiro vén de recoller en Kigali (Ruanda) o trofeo que a acredita como campioa do FIA European Rally Trophy para copilotos, mentres que o piloto Edgar Vigo proclamouse subcampión de Europa por segundo ano consecutivo.

O presidente da Deputación felicitou aos deportistas feneses por estes hitos deportivos, "un recoñecemento a moitos anos de esforzo, dedicación e traballo constante". Conseguir este galardón para a provincia da Coruña é tamén "unha mensaxe de que é posible alcanzar as metas que nos propoñamos, por máis altas que parezan, toda unha inspiración para as novas xeracións de deportistas", afirmou.

Formoso destacou "o orgullo" que supón para a provincia da Coruña contar con deportistas que compiten ao máis alto nivel internacional e desexoulles que continúen os seus éxitos deportivos.

Pola súa banda, os deportistas feneses agradeceron o apoio dos seus sponsors, patrocinadores e afección, así como de institucións como a Deputación da Coruña, que tamén os apoia a través das súas liñas de subvencións de Deportes.