A Deputación alíase co Básquet Coruña para apoiar o deporte base e promocionar a provincia como destino turístico en toda España
As campañas da Deputación "A Coruña: unha provincia por descubrir" e "O deporte fainos grandes" locen desde hoxe nas equipacións do equipo laranxa e nas pantallas do Coliseum durante os partidos

A Deputación alíase co Básquet Coruña para promocionar o deporte de base e a provincia da Coruña como destino turístico de calidade en toda España.
As campañas "A Coruña: unha provincia por descubrir" e "O deporte fainos grandes" da Deputación da Coruña lucirán desde hoxe nas equipacións dos xogadores do club laranxa e nas pantallas LED do Coliseum durante os partidos que o club xogue na casa, grazas a un acordo de patrocinio que supón un investimento de 185.735 euros e que redunda en beneficio do club, da cidade e da provincia.
O presidente Valentín González Formoso, e o presidente do Básquet Coruña, Pablo de Amallo, e o deputado de Deportes, Antonio Leira, presentaron hoxe o acordo no Coliseum coruñés e posaron co resto da directiva, o corpo técnico e o cadro de persoal nunha foto de familia.
Formoso destacou que se trata "dun paso máis no apoio da Deputación a este gran equipo, que devolveu o nome da Coruña á máxima categoría do baloncesto nacional, a Liga máis importante de Europa e a segunda do mundo, tras a NBA", afirmou o presidente, que sinalou que o Básquet Coruña "é un dos grandes embaixadores desta provincia".
O presidente subliñou tamén que o Básquet Coruña "é unha inspiración e unha ilusión" para centos de rapaces e rapazas que desde as categorías base do club aspiran a chegar un día ao primeiro equipo. "Na Deputación estamos comprometidos co deporte de base, e este acordo serve tamén para axudar ao Club nesa enorme labor de promoción do deporte que realiza cunha canteira de máis de 750 nenos e nenas", apuntou.