Estás en:Novas

A Deputación destina preto de 300.000 euros á mellora da comunidade terapéutica ‘O Confurco’ da asociación ASFEDRO

Valentín González Formoso e Rosario Alabau asinaron o convenio para financiar as obras, que ademáis de mellorar a habitabilidade e accesibilidade do edificio, permitirán incrementar as prazas da comunidade para drogodependentes

A Deputación destina preto de 300.000 euros á mellora da comunidade terapéutica ‘O Confurco’ da asociación ASFEDRO

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a presidenta da Asociación Ferrolá de Drogodependencias (ASFEDRO), Rosario Alabau, asinaron esta mañá o convenio de colaboración polo que a institución provincial destinará 298.476,71 euros para financiar as obras de mellora do edificio que acolle a comunidade terapéutica 'O Confurco'.

Esta achega súmase á realizada en 2023 para renovar a cuberta do edificio e "amosa o apoio da Deputación ao importante labor que dende hai catro décadas desenvolve ASFEDRO na rehabilitación de persoas drogodependentes na comarca de Ferrolterra", segundo afirmou o presidente, Valentín González Formoso, que destacou que as obras "atenden unha antiga demanda e unha necesidade, xa que falamos dun edificio que data dos anos 50 e que precisa dunha reforma a fondo que ASFEDRO non podía acometer en solitario polo seu elevado custo económico".Cando visitamos o centro terapéutico de ASFEDRO no Confurco constatamos que estas obras eran necesarias para que o importante traballo que fai a entidade se poida desenvolver en condicións dignas. Hoxe é para nós unha enorme satisfacción ver como este proxecto comeza a facerse realidade con este convenio", afirmou Formoso.

Pola súa banda, a presidenta de ASFEDRO, Rosario Alabau, agradeceu o apoio da Deputación para acometer este ansiado proxecto, que contribuirá a mellorar notablemente a modernizar as súas instalacións e dotar de mellores condicións de habitabilidade para as persoas que alí se rehabilitan, ademais de permitir incrementar o número de prazas ata 25, tres máis que na actualidade.

"Este convenio supón para ASFEDRO unha inxección de moral e axuda a resolver os problemas que ten a nosa comunidade terapéutica. O presidente da Deputación é moi sensible a toda a nosa problemática e xa o ano pasado conseguimos cambiar o tellado, co que gañamos moito. Agora con esta axuda imos facer unha reestruturación completa do inmoble, xa que as instalacións están moi obsoletas, con catro persoas en cada habitación", afirmou Alabau, que incidiu tamén na importancia que ten mellorar a accesibilidade do edificio para prestar unha atención correcta a persoas con dificultades de mobilidade.

As obras contemplan a actualización dos espazos interiores do inmoble para adaptalos aos novos estándares de uso, funcionais e normativas. Neste sentido, os traballos conducirán a unha reestruturación integral do inmoble para converter as dependencias antigas en espazos útiles no referente ás novas demandas, necesidades, patoloxías e tratamentos.

Deste xeito, sen variar a configuración arquitectónica do inmoble, na planta baixa e na alta mantéñense os criterios organizativos e bosquexos de uso espacial do edificio orixinario, cun eixo central de corredores lonxitudinais, zonas de entrada e comunicación vertical a través de escaleiras.

No piso inferior está prevista unha actuación que se concrete nun novo vestiario para persoal, aseos xerais accesibles, un ximnasio con maior versatilidade de usos, a enfermaría, novos despachos e unha área para obradoiros, ademais dun imprescindible elevador do que o centro carece a día de hoxe. Mentres, a planta alta destínase a dormitorios de pacientes distribuídos en dormitorios dobres e individuais, un deles adaptado para unha persoa con algún tipo de discapacidade funcional e todos eles con aseo. Na actualidade, os cuartos son para tres ou catro persoas.

A maiores, adaptaranse as instalacións existentes cun novo reparto e distribución de saneamentos, abastecemento de auga e rede de calefacción. O anexo exterior ao edificio, actualmente en desuso e na actualidade destinado a almacén, tamén sufrirá unha adecuación para transformalo nun espazo de ocio deportivo.

Unha das tres comunidades de Galicia

'O Confurco' foi fundada en 1990 e na actualidade é unha das dúas únicas comunidades terapéuticas para drogodependentes da provincia da Coruña e unha das tres de toda Galicia. O edificio, unha antiga construción militar que data dos anos 50, está situado na parroquia de Doniños, no Concello de Ferrol, nunha zona illada da poboación. Ata este proxecto, as únicas obras de acondicionamento datan do último lustro, foron a substitución das xanelas e da cuberta-tellado e ambas contaron co apoio económico da Deputación da Coruña.

Nesta comunidade terapéutica realízanse tratamentos de deshabituación en réxime residencial, orientados a dar resposta satisfactoria a determinados pacientes drogodependentes cunha recuperación que se considera difícil no seu medio. O seu ámbito de actuación é de Ferrolterra, Eume e Ortegal, aínda que recibe pacientes de toda a provincia derivados doutras unidades asistenciais de drogodependencias. A súa media anual de usuarios e usuarias é de aproximadamente 63 persoas.