A Deputación da Coruña, presente na entrega de premios de O Gran Camiño en Santiago
O deputado de Deportes, Antonio Leira, destacou a importancia desta proba para a proxección de Galicia como destino deportivo de referencia

O deputado responsable de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, participou este domingo no corte de cinta en Betanzos e na entrega de premios da proba ciclista O Gran Camiño, que finalizou en Santiago de Compostela tras unha emocionante derradeira etapa entre Betanzos e a capital galega.
A Deputación da Coruña reafirma, unha vez máis, o seu compromiso co deporte e co impulso de eventos de gran repercusión, como O Gran Camiño, que coloca Galicia no epicentro do ciclismo internacional. A competición, que percorreu distintas paisaxes do territorio galego, tivo a súa última e decisiva xornada na provincia da Coruña, cun trazado que uniu Betanzos con Santiago de Compostela, ofrecendo unha etapa de gran beleza e esixencia para os corredores.
Na entrega de premios, Antonio Leira destacou a importancia desta proba para a proxección de Galicia como destino deportivo de referencia: "Eventos como O Gran Camiño non só fomentan o deporte, senón que tamén contribúen a promocionar o noso territorio e a nosa paisaxe a nivel internacional".
O gran vencedor desta edición foi o canadiense Derek Gee, que mostrou unha gran solidez ao longo das diferentes etapas e cruzou a meta en Santiago como campión absoluto da proba. A súa actuación consolídao como un dos ciclistas máis destacados desta tempada e reforza o alto nivel competitivo de O Gran Camiño.
A Deputación da Coruña colabora activamente co evento, que se consolida como unha das citas máis relevantes do calendario ciclista nacional, atraendo equipos de primeira liña e aumentando a súa repercusión en cada edición.
A xornada final estivo marcada por un gran ambiente, cun numeroso público que animou aos corredores ao longo do percorrido. A chegada a Santiago de Compostela puxo o broche de ouro a unha edición espectacular de O Gran Camiño, consolidando a súa posición como unha das grandes voltas por etapas do calendario internacional.