Formoso insta á Xunta de Galicia a aumentar o financiamento municipal ata os 200 millóns de euros
Valentín González Formoso sinala que a Deputación da Coruña destina "por primeira vez na historia" máis diñeiro aos 93 concellos da provincia da Coruña que a Xunta de Galicia aos 313 municipios galegos, polo que esixe "un equilibrio de cofinanciamento responsable"
O presidente e o vicepresidente, Xosé Regueira, presentaron hoxe en Carballo o balance do Plan Único nos concellos da comarca de Bergantiños e Costa da Morte, onde se financiaron 733 obras e se investiron 123,5 millóns de euros
Os concellos da comarca reciben este ano un 72% máis de fondos na primeira achega do Plan Único

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, instou hoxe á Xunta de Galicia a que aumente o financiamento municipal "como mínimo e de forma urxente" ata os 200 millóns de euros. Fíxoo na súa visita desta mañá a Carballo, onde foi recibido polo vicepresidente Xosé Regueira, o alcalde Evencio Ferrero, e os membros da corporación municipal para presentar o balance do Plan Único (POS+2025) nos concellos da comarca.
O titular do goberno provincial fixo balance dun Plan Único a través do que a Deputación prevé investir este ano 125 millóns de euros nos 93 concellos da provincia da Coruña, fronte os 116 millóns de euros que a Xunta de Galicia destina para aos municipios das catro provincias galegas a través do Fondo Galego de Cooperación Local.
"Por primeira vez na historia, a Deputación da Coruña destina máis fondos para financiar os 93 concellos da provincia que a Xunta para os 313 concellos de toda Galicia. Sen ningún tipo de escusa, é imprescindible establecer un mínimo equilibrio responsable de cofinanciamento cos concellos e baseado en criterios obxectivos", destacou o presidente.
Referido ao sistema de financiamento da Deputación, Formoso destacou que "non só é cantidade de cartos que se destinan, senón a maneira". "Dános igual quen goberne en Corcubión, en Lousame ou en Narón. Financiamos en base a parámetros obxectivos como a extensión, a poboación, o número de parroquias, os quilómetros de vías que se teñen que manter... É todo en base a un cálculo matemático obxectivo", explicou o presidente.
Sistema "medieval" de reparto da Xunta
En contraposición, explicou Formoso, "a Xunta de Galicia convoca aos seus alcaldes con premeditación e aleivosía para avisar que un día concreto sae unha subvención e faino en concorrencia non competitiva, polo que o primeiro que presente a súa solicitude leva os cartos autonómicos". "Parece un sistema medieval, non do século XXI. Non é a Galicia que garanta dereitos iguais en cada punto cardinal do país", lamentou.
Pola súa banda, o vicepresidente, Xosé Regueira, sinalou que "o Plan Único é un éxito deste goberno provincial, pois deixa atrás outros finalistas e unifica nunha mesma ferramenta todos os fondos públicos que a Deputación destina aos concellos". Ademais, "dende que se iniciou en 2017, foi capaz de triplicar os investimentos aos concellos, en base a criterios puramente obxectivos e transparentes, a diferenza doutras administracións". Neste sentido, fixo referencia ao "esforzo" da entidade provincial, "unha administración local que destina un orzamento aos 93 concellos coruñeses equiparable ao que a Xunta destina aos 313 de toda Galiza".
Regueira tamén destacou a "capacidade de planificación" que o Plan Único supón para os concellos, "ao saberen con moita antelación os fondos cos que van contar da Deputación" afirmando que "este instrumento de financiamento é fundamental para a súa supervivencia". "Así", engadiu, "os concellos gañan en autonomía, ao poder destinar estes investimentos aos proxectos que consideren prioritarios, e en eficiencia".
Pola súa banda, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo "felicitar, aprobar e celebrar" que por parte da Deputación da Coruña se teñan "uns criterios que sempre son obxectivos" e que permiten aos concellos "acometer importantes actuacións de mellora para os veciños e veciñas". "No Concello de Carballo, a gran maioría dos novos investimentos están centrados nas parroquias, algo que forma parte do propio espírito do Plan Único", destacou o rexedor, que pediu a mesma obxectividade no reparto de fondos por parte doutras administracións.
Un 72% máis nas comarcas de Bergantiños e Costa da Morte
A maiores, durante o acto, o presidente da Deputación da Coruña explicou que este ano iníciase cun investimento histórico nos concellos das comarcas de Bergantiños e Costa da Morte a través do Plan Único, que destina 14.915.897 euros á zona. Esta cifra supón un incremento do 72% respecto ao orzamento inicial do ano pasado, converténdose no maior investimento inicial desde a creación do plan en 2017.
Desde a súa posta en marcha, o Plan Único leva investidos 123,5 millóns de euros nos municipios da área de Bergantiños-Costa da Morte, permitindo financiar 733 obras e numerosos servizos públicos e programas sociais.
O presidente provincial destacou que "estamos ante o Plan Único co maior orzamento inicial da historia da Deputación", subliñando a súa importancia para que os concellos, independentemente do seu tamaño, poidan executar proxectos clave en infraestruturas, servizos municipais e benestar social. "Falamos de mellora de rúas e espazos públicos, de servizo de axuda no fogar para os maiores, de novos espazos culturais e deportivos ou de escolas infantís", sinalou.
Formoso incidiu tamén no importante impacto que o Plan Único ten sobre a creación de emprego, xa que segundo os estudos económicos cada millón de euros investido xera 17 postos de traballo, o que significa que, desde a súa implantación, o programa contribuíu a crear ou manter máis de 12.000 empregos na provincia da Coruña. Este efecto multiplicador é especialmente relevante en sectores como a construción, os servizos municipais e as iniciativas sociais.
Un financiamento sen precedentes para os concellos
Os 16 concellos das comarcas de Bergantiños e Costa da Morte recibirán un investimento récord na primeira achega do Plan Único de 2025. Carballo encabeza a listaxe con 2.400.792 euros, seguido de Vimianzo (1.320.997 €), A Laracha (1.265.833 €) e Coristanco (1.138.685 €). Zas, Muxía, Ponteceso, Dumbría, Cabana de Bergantiños ou Cee, entre outros, tamén verán notablemente incrementadas as achegas da Deputación para acometer proxectos estratéxicos en infraestruturas, servizos sociais e dinamización local.
O POS+2025 permitirá mellorar estradas, abastecemento e saneamento de auga, iluminación pública e equipamentos culturais e deportivos. Ademais, destínanse 7 millóns de euros en toda a provincia –1,2 millóns nos concellos de Bergantiños e Costa da Morte– a reforzar programas sociais municipais para os colectivos máis vulnerables.
Un modelo de éxito recoñecido
Desde a súa creación en 2017, o Plan Único consolidouse como o maior programa de obras e servizos das deputacións galegas e un dos máis importantes do Estado. O modelo do POS+ simplifica a xestión administrativa e garante que os concellos poidan decidir con autonomía o destino dos fondos segundo as súas necesidades.
Carballo é un exemplo do impacto positivo do Plan Único, con melloras en infraestruturas, servizos públicos e dinamización da actividade social e económica.
Desde 2017, o municipio recibiu 22,8 millóns de euros, que permitiron financiar un total de 59 obras e numerosos proxectos fundamentais para a veciñanza. Un exemplo é a renovación das beirarrúas de Ardaña (92.000 €) e a mellora da estrada que conecta Arnados (Razo) con Sambade, que supuxo un investimento de 576.614 euros.
Travesía de Sísamo
A maiores, o alcalde, o vicepresidente provincial e o presidente da Deputación acudiron a supervisar a terceira e última fase das obras de mellora na estrada DP-1901 Carballo a Sísamo, actualmente en marcha. Unha vez rematados estes traballos completarase un proxecto integral de actuación na seguridade peonil e a transformación da vía nunha gran avenida, cuxa titularidade transferirase ao Concello de Carballo despois dun investimento superior aos 3.500.000 euros, dos que a institución provincial financiou preto de 3 millóns de euros.
CONCELLO
POS+2025
TOTAL
2017-2025
OBRAS APROBADAS
Cabana de Bergantiños
819.407,31 €
7.050.789,28 €
37
Camariñas
604.197,28 €
4.729.528,91 €
35
Carballo
2.400.792,78 €
22.861.768,55 €
59
Cee
758.183,09 €
6.237.403,17 €
53
Cerceda
881.076,65 €
7.945.454,48 €
65
Corcubión
249.647,55 €
2.044.006,46 €
21
Coristanco
1.138.685,94 €
7.925.138,98 €
42
Dumbría
879.252,04 €
7.931.284,11 €
56
Fisterra
484.320,62 €
4.024.866,09 €
32
Laxe
472.455,04 €
2.793.309,72 €
27
Laracha (A)
1.265.833,27 €
11.279.099,45 €
70
Malpica de Bergantiños
691.396,14 €
5.845.112,29 €
52
Muxía
976.889,18 €
7.258.055,42 €
52
Ponteceso
906.948,64 €
6.379.203,47 €
22
Vimianzo
1.320.997,54 €
11.061.298,68 €
66
Zas
1.065.814,90 €
8.221.302,97 €
44
TOTAIS
14.915.897,97 €
123.587.622,03 €
733