Estás en:Novas

O Teatro Colón acolle este venres a gala dos Premios do Deporte da Deputación da Coruña

A partir das 20 horas daranse a coñecer os gañadores e gañadoras nas quince categorías convocadas

O evento contará coa presenza dalgunhas das principais figuras do deporte galego e representantes dos centros de clubs deportivos da provincia

A entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo do teatro

O Teatro Colón acolle este venres a gala dos Premios do Deporte da Deputación da Coruña

O Teatro Colón da Coruña acolle este venres, 14 de marzo, a partir das 20 horas, a gran festa do deporte da provincia: a III edición dos Premios do Deporte da Deputación da Coruña, que recoñecen a actividade e traxectoria dos deportistas, equipos e entidades deportivas máis destacadas da provincia.

A gala, que estará presidida polo titular do goberno provincial, Valentín González Formoso, está xa confirmada a asistencia dalgunhas das principais personalidades do deporte galego, así como representantes de centos de clubs das numerosas disciplinas deportivas que se practican na provincia.

O evento estará conducido polo xornalista Terio Carrera e será amenizado con actuacións musicais, humor e algunhas sorpresas nunha noite na que tamén haberá espazo para render homenaxe a grandes figuras do noso deporte. A entrada ao Teatro Colón é libre e gratuíta ata completar o aforo.

Durante a noite iranse dando a coñecer os premios das diferentes categorías do certame: Mellor deportista masculino, Mellor deportista feminina, Mellor deportista veterano masculino, Mellor deportista veterana feminina, Mellor deportista promesa masculino categoría base, Mellor deportista promesa feminina categoría base, Mellor deportista con diversidade funcional masculino, Mellor deportista con diversidade funcional feminina, Mellor adestrador/a, Mellor árbitro/a ou xuíz/a, Mellor entidade colaboradora ou patrocinadora, Mellor evento deportivo, Mellor entidade na promoción e fomento do deporte de base, Mellor entidade na promoción e fomento do deporte inclusivo, e o Premio a toda unha vida dedicada ao deporte.

Ademais das quince categorías oficiais, o xurado poderá outorgar mencións especiais a persoas ou entidades destacadas no deporte coruñés durante o ano pasado.

O xurado desta edición 2025 dos Premios do Deporte está presidido polo deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, e integrado por profesionais de referencia no eido da información como Paulo Alonso, xefe de Deportes de La Voz de Galicia, Fran Hermida, xefe de Deportes de Radio Coruña SER, Leticia Chas, xornalista de COPE Galicia, Susana López, xornalista de El Correo Gallego, e Miriam Tembrás, xornalista de Diario de Ferrol.