Estás en:Novas

A deputada de dereitos civís, Soledad Agra presenta en Baio os obradoiros contra a desinformación do Colexio de Xornalistas

Os obradoiros contra a desinformación son unha iniciativa de alfabetización mediática do Colexio de Xornalistas e a Deputación da Coruña que continuará até o mes de maio nos centros de ensino medio da provincia

Acompañada da decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Belén Regueira, presentaron hoxe o programa de obradoiros contra a desinformación con motivo da celebración do segundo dos talleres, impartido por Pedro Costa no IES Maximino Romero de Lema de Baio (Zas)

A deputada de dereitos civís, Soledad Agra presenta en Baio os obradoiros contra a desinformación do Colexio de Xornalistas

O alumnado do IES Maximino Romero de Lema de Baio recibiu esta mañá a visita da deputada de Dereitos Civís, Soledad Agra Tuñas e da decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), Belén Regueira Leal, que acudiron até ao centro para presentar o programa de obradoiros contra a desinformación posto en marcha polas dúas institucións. Agra e Regueira, que estiveron acompañadas pola directora do centro, aproveitaron a celebración dun taller impartido polo xornalista Pedro Costa Manteiga, para introducir as e os escolares na importancia de combater a desinformación con alfabetización mediática.

Soledad Agra afirmou que "ante a desinformación, os bulos e as fake news coas que por desgraza convivimos neste momento, é máis necesario ca nunca reivindicar a verdade e verificar a información", e por iso apoian desde a Deputación "iniciativas como esta que promoven algo esencial: a conciencia crítica entre a rapazada para que se cuestionen todo canto lles chega neste contexto de tal sobreinformación no que impera a inmediatez, a información a través de perfís non profesionais e as medias verdades, e falta tanta reflexión, crítica e moito contraste. Ante o odio e as mentiras é urxente reivindicar o xornalismo de calidade".

Pola súa parte, a decana do CPXG agradeceu á area de dereitos civís da Deputación da Coruña "por entender a importancia de trasladar aos centros escolares iniciativas como esta contra a desinformación", e asegurou que "é moi importante que as institucións promovan encontros deste tipo para que poidamos insitguir verdade da mentira, como aire limpo para respirar".

A continuación, o xornalista Pedro Costa impartiu ao alumnado de terceiro da ESO un obradoiro no que os introduciu na forma en que se desenvolven e espallan as noticias falsas, fornecéndoos tamén de instrumentos para detectalas mellor e contribuír a combatelas.

Obradoiros contra a desiniformación
Con estes obradoiros nos institutos da provincia da Coruña iniciase a actividade deste programa, co que se coñecerán as formas e das estratexias da desinformación, así como diversas ferramentas para combatela. Así, un total de vinte talleres chegarán nos próximos meses a dez centros de ensino secundario da provincia. O seguinte obradoiro contra a desinformación celebrarase o vindeiro luns 24 de marzo ás 8:30 no IES de Curtis.