A Festa do Queixo de Arzúa celebra a súa 50ª edición co apoio da Deputación
A deputada provincial Soledad Agra acudiu á inauguración, onde sinalou que esta dita é "referente en feira, turismo e música, xa que soubo recoller eses tres aspectos que fan dunha festa un gran evento de país, e neste 50 aniversario superouse, sen dúbida"
A Festa do Queixo celébrase do 14 ao 16 de marzo con actividades que combinan gastronomía, música, divulgación e homenaxes á tradición queixeira

Arzúa acolleu esta fin de semana a súa tradicional Festa do Queixo, que esta ano celebra a súa 50ª edición co apoio da Deputación da Coruña. A deputada provincial Soledad Agra asistiu ao evento, onde destacou que é "referente en feira, turismo e música, xa que soubo recoller eses tres aspectos que fan dunha festa un gran evento de país, e neste 50 aniversario superouse, sen dúbida".
Tres días de actividades que mesturan gastronomía, música, divulgación e homenaxes á tradición queixeira. A Festa do Queixo de Arzúa "ten un gran impacto na sociedade socioeconómico e cultural" contribuíndo "a un turismo de calidade que pon en valor a nosa cultura, música, tradición e gastronomía propia, valorizando as empresas que producen e transforman o produto do país" sinalou Agra.
Nesta edición a Festa do Queixo tamén homenaxea áas mulleres queixeiras, "que fan un produto tan humilde que pouco máis fai falta que leite e auga para facelo, e que saíu, e sae aínda, nos obradoiros menos industrializados, da man das mulleres, das súas mans, dos seus saberes, dos seus traballos, do seu amor". "As mulleres deron atendido a todo, ao gando, á casa, ás fillas e fillos, á facenda e tamén a facer queixos, porque era unha fonte de ingresos que precisaban, un recurso económico propio, que empezou sendo un complemento e hoxe en día é o maior sector produtivo do concello" engadiu a deputada. "Foi unha aposta das mulleres e quedaron invisibilizadas, como tantas veces, cando as empresas medraron e se profesionalizaron, quedando o apelido propio relegado ao dos maridos e fillos, porque as mulleres deste país son así, xenerosas, na loita polo ben común, pola familia, pola terra, pola lingua, pola tradición, por iso é un orgullo ver que o concello de Arzúa soubo poñelas no centro, hoxe, nesta súa 50 edición".
Homenaxe que se complementou co pregón a cargo da cociñeira Lucía Freitas, que falou de como as "amas da terra" fixeron posible este produto local a base de "vacas, leite e pasto", símbolos "culturais, económicos, da paisaxe e da gastronomía", afirmou.