A Deputación da Coruña celebra a graduación de 60 alumnos e alumnas do IES Rosalía Mera
A deputada de Educación, Yoya Neira, participou no acto de entrega de orlas

A deputada delegada de Educación da Deputación da Coruña, Yoya Neira, participou este venres no acto de entrega de orlas aos 60 alumnos e alumnas do IES Rosalía Mera que completaron os seus estudos en distintas especialidades formativas. O evento, celebrado no salón de actos do instituto, reuniu ao alumnado, familias e equipo docente para conmemorar este fito académico.
O IES Rosalía Mera, centro dependente da Deputación, imparte 11 ciclos formativos en 6 especialidades distintas, consolidándose como un referente na formación profesional na provincia. Trala graduación, o alumnado iniciará agora a súa etapa de prácticas laborais, un paso fundamental para a súa incorporación ao mundo do traballo.
Durante a súa intervención, Neira deu os parabéns aos graduados e graduadas, así como ao cadro docente polo esforzo e dedicación para ofrecer unha educación de calidade. Ademais, destacou o alto nivel formativo do centro e a importancia da Formación Profesional como ferramenta clave para o desenvolvemento profesional e a empregabilidade da mocidade.