O programa provincial de subvencións a festivais audiovisuais, de artes escénicas e musicais e mixtos terá en 2025 un orzamento de 1,4 millóns
O prazo de presentación de solicitudes, a xestionar a través da plataforma SUBTEL, estará aberto entre o 25 de marzo e o 25 de abril
O importe das axudas será dun mínimo de 5.000 € e dun máximo de 60.000
"O ámbito dos festivais", explica a responsable provincial de Cultura, Natividade González, "é un dos campos que, no cuantitativo e no cualitativo, máis está a centrar as políticas de fomento do noso departamento nos últimos anos, con liñas de subvencións específicas, criterios claros e transparentes e permanente diálogo coas entidades interlocutoras dos diferentes sectores"

A Deputación da Coruña investirá 1,41 millóns de euros no programa FO223/2025, de subvencións a festivais audiovisuais, de artes escénicas e musicais e mixtos organizados na provincia durante 2025. O prazo de presentación de solicitudes, a xestionar por vía telemática da través da plataforma SUBTEL, estará aberto entre o 25 de marzo e o 25 de abril. O importe das axudas será dun mínimo de 5.000 euros e dun máximo de 60.000.
Esta liña de subvencións diríxese a apoiar festivais audiovisuais, de artes escénicas e musicais e mixtos, que se celebren na provincia da Coruña e cumpran o requisito de seren eventos culturais con identificación e marca propia e recoñecible, programación diversa que aglutine diferentes propostas artísticas, organizados periodicamente, con data de celebración consolidada e orientada á consecución de públicos amplos ao redor dunha proposta de contidos coherente e definida. Tamén aos que teñan acadado esa identidade propia como festival e que fagan parte dun evento de carácter económico ou turístico máis amplo.
Quedan excluídas as programacións culturais municipais ou aquelas actividades culturais que se dan no marco de eventos gastronómicos, turísticos ou festivos, o mesmo que as fundacións con sede na provincia da Coruña que teñan a consideración de medios propios e instrumentais da administración autonómica ou estatal, máis as corais polifónicas, bandas de música populares, entidades de música e baile tradicional galego e formacións musicais de grande formato, que contan cunha liña de axuda específica.
O orzamento repartirase entre os tres tipos de beneficiarios, do seguinte xeito:
- Modalidade A. Concellos e outras entidades locais da provincia da Coruña: 580.000 € (con axudas mínimas de 5.000 € e máximas de 60.000 €).
- Modalidade B. Entidades sen ánimo de lucro domiciliadas en Galicia: 680.000 € (con axudas mínimas de 5.000 € e máximas de 45.000 €).
- Modalidade C. Persoas físicas ou xurídicas, constituídas como entidades lucrativas, establecidas nun estado membro da Unión Europea: 150.000 € (con axudas mínimas de 5.000 € e máximas de 30.000 €).
"O ámbito dos festivais", explica a responsable provincial de Cultura, Natividade González, "é un dos campos que, no cuantitativo e no cualitativo, máis está a centrar as políticas de fomento do noso departamento nos últimos anos, con liñas de subvencións específicas, criterios claros e transparentes e permanente diálogo coas entidades interlocutoras dos diferentes sectores".
Segundo González, «os eventos culturais, nomeadamente os festivais, obxecto desta convocatoria, debúxanse como espazos privilexiados para a convivencia, a innovación social, a reflexión e os debates, e o exercicio colectivo da responsabilidade. Son ferramentas con capacidade para transformar territorios, crear redes, promover talentos, experimentar procesos de innovación, impulsar a concienciación, e contribuír ao benestar comunitario".
As bases do programa poden consultarse e descargarse no BOP do 18 de marzo.